Patrocinado porPatrocinado por

Ata 900.000 euros para Xenética Fontao e a mellora do gando frisón

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

ALBERTO LÓPEZ

A Xunta asegura que carece de competencias para o recoñecemento oficial de razas autóctonas, como a galiña piñeira, pero amosou a súa predisposición a completar os estudos científicos que permitan dar ese paso

27 ene 2020 . Actualizado a las 21:28 h.

Medio Rural incrementará ata os 900.00 euros a súa achega a Xenética Fontao para continuar co programa de mellora xenética do gando frisón en Galicia. Así o anunciou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na comisión do Parlamento. Tamén se referiu á galiña piñeira, para a que un grupo de produtores reclama a súa consideración como raza autóctona. O Goberno autonómica carece de competencias para dar ese paso, afirmou Balseiros, quen se amosou disposto a colaborar para completar todos os estudos que permitan a súa definición como raza.

A nova financiación de Xenética Fontao farase mediante unha addenda ao convenio subscrito con esta empresa pública e que inclúe a realización anual dun mínimo de 3.000 avaliacións xeonómicas das xovencas rexistradas no libro xenealóxico descendentes de touros do devandito programa. En opinión de Balseiros, a mellora xenética resulta fundamental para buscar novas resistencias a enfermidades do gando, para un maior aproveitamento das materias primas que entran nas explotacións ou para unha maior tolerancia dos cultivos nos períodos de seca. Trátase de «apostar po unha gandería moderna, eficiente e competitiva», argumentan en Medio Rural. O director xeral tamén lembrou que o 65 % da produción de leite galego provén de gandeiros directamente implicados no programa de mellora xenética.

O novo acordo firmado con Xenética Fontao implica que esta empresa ingresará no seu centro cada ano un mínimo de 50 novos sementais avaliados xenomicamente e, por outra banda, achegará un volume anual mínimo de cen embrións elite seleccionados. Tamén destinará a título promocional, sen custo para o gandeiro, un mínimo de cinco mil doses anuais de touros con alta valoración xenómica para os gandeiros adheridos ao programa que soliciten doses seminais desta oferta conxunta anual.

A galiña piñeira depende do Goberno central

Balseiros respostou tamén a unha pregunta sobre a galiña piñeira, para a que un grupo de produtores reclama que se lle dea a cualificación de raza autóctona. Explicou que a Xunta carece de competencias na materia e que este é un paso que debe dar o Goberno central. Para poder desenvolver programas oficiais dentro dunha raza, esta debe estar recoñecida oficialmente como tal, explicou o director xeral. Tamén sinalou que a Xunta ten toda a predisposición para colaborar coa asociación de criadores e tentar completar os estudos científicos que permitan definir esta raza.