Patrocinado porPatrocinado por

«Hai un gran abandono do medio rural, o que serve de refuxio á fauna salvaxe»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS AGRO

CARMELA QUEIJEIRO

O agricultor afirma que a supervivencia de moitas explotacións vese ameazada e insiste na necesidade de buscar un equilibrio

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguindo a estela familiar, José Antonio Muíño (Narón, 1978) dedícase a agricultura. Ten cultivos extensivos de trigo e millo, pero a medida que pasan os anos comproba como a súa actividade se ve afectada polos estragos que causa o xabaril. A convicción de que era preciso chamar a atención das Administracións para adoptar medidas levouno, xunto con outras persoas do seu sector e da gandería, a constituír, hai un ano, a Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe en Galicia (Aperfasa).

Alí onde xorde un problema está Aperfasa. Hai uns días, Muíño desprazouse a Porto do Son para coñecer de primeira man a situación de varios gandeiros aos que o lobo lles matou as reses.

-Cales son os obxectivos?

-Buscar solucións ante un problema que ameaza a supervivencia de numerosas explotacións. Xa hai moitas que tiveron que desistir de botar millo. Para as granxas cada vez resulta máis difícil de asumir ter que comprar a forraxe. Os prezos do leite e da carne están moi axustados e se tes que mercar o alimento dos animais non podes subsistir.

-Lobos e xabarís son as principais ameazas?

-As poboacións están medrando e os danos van a máis. Se non se frea o crecemento do lobo e do xabarín a situación empeorará. Hai zonas en Galicia con moito conflito polos porcos salvaxes. Á hora de aplicar medidas preventivas existe outro grave problema: a ordenación territorial. As fincas están dispersas e a maioría son moi pequenas, o que en moitos casos converte en inviable facer peches porque habería que ter unha dispoñibilidade total para controlar cada un.

-A que se debe esta situación?

-Hai un gran abandono do medio rural, o que serve de refuxio á fauna salvaxe. O control da biomasa é fundamental. Pensamos que existen distintos tipos de intereses que conflúen. Ao mesmo tempo, houbo un abandono por parte da Administración, por non ter adoptado medidas máis contundentes. Hai uns anos tería sido máis doado atallar esta situación. Ademais, este tipo de problemas tampouco axudan nada a fixar poboación na zona rural. Quero deixar claro que a asociación non está en contra da fauna salvaxe, defendémola dentro dunha normalidade tolerable.

-Propoñen un control.

-Sempre houbo danos causados pola fauna salvaxe, pero hai 15 ou 20 anos eran asumibles. Queremos un equilibrio que permita convivir a todos. Os animais buscan alimentos, é normal. No caso do lobo, por exemplo, sempre convivimos con el. Sen embargo, agora chegou a un punto no que non podes soportar a presión duns ataques constantes, como o que está a suceder na serra do Barbanza ou noutros lugares de Galicia. Non pode prevalecer a superpoboación dunha especie e que iso provoque a paralización dunha actividade como é a gandería extensiva, que é necesaria para o control da biomasa. Resulta positiva, por exemplo, na prevención de incendios. Non podemos estar perdendo cartos cunha actividade. O problema do xabaril é moi xeneralizado e implica outro aspecto a ter en conta: a transmisión de enfermidades. Incluso xa se teñen dado algúns casos de ataques producidos por porcos bravos.

-Hai outra fauna que tamén estea a ocasionar problemas?

-Hai algúns casos, pero máis particulares, como o dos corvos. Ás veces hai abundantes colonias. O corzo tamén ocasionou problemas, pero menos graves. E están as pombas. Este ano non me sucedeu, pero houbo outros nos que teñen saído centos delas dunha finca e ocasionan danos nos cereais. O xabaril encama o trigo e despois veñen as pombas e fan das súas. Ao final todo é unha cadea.