Patrocinado porPatrocinado por

Martín Códax recorre á confusión sexual para eliminar a couza do acio

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

cedida

O sistema permite controlar esta praga sen ter que utilizar produtos químicos

05 jun 2019 . Actualizado a las 18:40 h.

A confusión sexual é o sistema utilizado por Martín Códax nos seus viñedos para erradicar a couza do acio, un insecto que pode provocar a botrytis na uva. A práctica impide que os machos atopen ás femias, confundíndoos e evitando así que as fecunden e introduzan os seus ovos nas uvas. E, ademais, ten a vantaxe de que é completamente sustentable. De feito, o uso deste sistema permite controlar a praga sen ter que recorrer a produtos químicos. A adega cambadesa xa emprega este método no cento por cento do seu viñedo propio, unha superficie de 128 hectáreas. A iniciativa forma parte do programa Vinovert, uno dos moitos proxectos de investigación nos que está inmersa esta firma para camiñar cara a unha produción sustentable e que permita reducir o emprego de fitosanitarios.

A couza do acio é unha das pragas máis importantes e prexudiciais para o viñedo, explica Miguel Tubío, director técnico de Martín Códax. Por iso se leva algún tempo experimentando con sistemas de control biolóxico que permitan eliminar o dano que estes insectos causan na vide. O sistema consiste en instalar nas viñas «uns difusores que expanden feromonas, producindo así a confusión sexual dos insectos», explica Miguel Tubío. Isto permite controlar unha enfermidade que podería provocar botrytis durante a vendima, sen utilizar, para elo, ningún tipo de produto químico. «Fan falla ao redor de 400 difusores por hectárea, que son un plásticos cheos de feromonas que crean ese ambiente que impide que os machos atopen ás femias», relata Tubío. Deste xeito non ha apareamento entre estes insectos e iso implica que tampouco poñen ovos nas uvas, que son os que posteriormente provocan a botrytis.

Ata o de agora, o control desta enfermidade facíase mediante a aplicación dun insecticida, que se aplicaba dous veces ao ano. O novo sistema, de control biolóxico, non so é máis ecolóxico, senón que tampouco implica un gasto maior. «Ata o ano pasado pode que a aplicación dos químicos fose máis barata, pero agora custan o mesmo», argumenta. Ten máis vantaxes, «colócalo unha vez ao ano e despreocúpaste de todo», engade.

Fase experimental

O funcionamento do sistema estase controlando en tres zonas piloto, onde se está monitorizando a presenza destes insectos. E os efectos deste novo sistema xa se están a notar, asegura Tubío. Os machos da couza non están aparecendo nas trampas habituais que se colocan nos viñedos. Ao longo desta campaña obteranse datos máis concretos sobre o resultado deste control biolóxico, que xa se está a aplicar con éxito noutras zonas de España ou noutros cultivos como o da mazá. O principal obxectivo desta experiencia é o de reducir a aplicación de fitosanitarios porque «ninguén coma nós, os viticultores, está preocupado polas terras que queremos deixarlles aos noso fillos», afirmou o director da cooperativa, Juan Vázquez Gancedo.

 

Contactos con outros agricultores para implantar o sistema en máis plantacións

O único problema que presenta este sistema é que precisa de extensións amplas de cultivo. «Tes que xuntar un mínimo de superficie conxunta para poder traballar porque senón pode suceder que os insectos se apareen na finca do lado e veñan poñer os ovos á túa», explica. A extensión mínima na que se debe aplicar este sistema de control biolóxico é de entre catro e sete hectáreas. De feito, Martín Códax tivo que chegar a acordos con outras adegas e viticultores para poder aplicar a confusión sexual no total das súas parcelas.

A principal dificultade que presenta Rías Baixas para a aplicación deste método de control é a dispersión dos viñedos. Por iso, en Martín Códax, «estamos satisfeitos de ter aplicado xa este procedemento no cento por cento do noso viñedo propio», afirma Tubío. Son 128 hectáreas, que constitúen o 26 % da superficie total xestionada en Rías Baixas. Isto coloca á empresa como a que aplica esta técnica de control biolóxico da couza na maior superficie de viñedo galego. A intención agora é a de manter contactos con outras cooperativas e viticultores para expandir este coñecementos e que o control desta praga se faga mediante a confusión sexual, evitando así o uso de insecticidas que contaminan.