De «The Wall» a «Yuppie Psycho», a viaxe por 40 anos de videoxogos galegos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

O conselleiro e Cultura xoga a «The Wall» en presenza do seu creador, Álex González.
O conselleiro e Cultura xoga a «The Wall» en presenza do seu creador, Álex González. XOAN A. SOLER

Unha exposición na Biblioteca de Galicia reúne máis de 60 pezas

03 nov 2026 . Actualizado a las 18:36 h.

Nunca un mexillón fora un inimigo tan desafiante. Levou onte por diante ao conselleiro de Cultura varias veces. Ao seu carón, o creador dese monstro difícil de esquivar. Álex González desenvolveu The Wall, considerado o primeiro videoxogo galego, que se lanzou en 1986 e daquela vendeu unhas 7.000 copias.

Ese videoxogo con espírito arcade, 22 pantallas e bastante difícil —José López Campos non foi quen que superar a primeira— é tamén o punto de partida de O videoxogo galego: unha viaxe interactiva por 40 anos de patrimonio cultural, a nova exposición da Biblioteca de Galicia que, a través de máis de 60 pezas e comisariada polos técnicos da biblioteca Charo Alonso e Lorenzo Romero, xunto con Galo Martínez e o resto do persoal do Museo do Videoxogo (MUVI), vén salientar o papel dos videoxogos como patrimonio cultural de pleno dereito. E como patrimonio cultural que son, deben ser custodiados polas bibliotecas.

«A historia do videoxogo galego é moito máis rica, diversa e complexa do que imaxinamos», dicía Galo Martínez, unha historia na que está presente, por exemplo, Terra Terremota, o primeiro videoxogo en lingua galega, que se publicaría en 1998 acompañando a revista Bravú, e que ten cinco pequenos videoxogos moi apegados á actualidade social e política da época e que falan do derrubamento do vertedoiro de Bens, as protestas do sector agrícola ou a proliferación do eucalipto.

Glest foi un videoxogo pioneiro nos primeiros anos do novo milenio, tanto pola súa distribución dixital (era descargable a través a súa web) como por converterse nun referente do código aberto que serviu de motor e ferramenta de desenvolvemento para outros xogos de estratexia e tamén punto de encontro para desenvolvedores moi novos que logo desenvolveron as súas propias carreiras. De aí saíron por exemplo os creadores de Full Blast, que é posible probar para Play Station na exposición e que aínda hoxe se segue distribuíndo. Foi o videoxogo galego dispoñible en máis plataformas, un total de nove.

Tamén o videoxogo galego está presente en grandes plataformas como a Apple Store, onde distribuíu videoxogos como Battle of Puppets o estudo de Lugo Small Wonders, e tamén Axóuxere Games, que desenvolveu Planetary Shield, un dos primeiros xogos galegos en chegar a consola nunha plataforma de distribución dixital.

 

Os anos de aceleración deixaron estudos de gran potencia, como Baroque Decay, primeiro co Conde Lucanor e hai pouco con Yuppie Psycho, que tivo un enorme impacto internacional e que pode ser un dos videoxogos galegos máis vendidos da historia.

Víctor Justo, pola súa banda, é o desenvolvedor vigués responsable de Woden GP, a saga de videoxogos de condución de estilo retro.

A exposición tamén amosa os novos proxectos saídos das titulacións universitaria especializadas en videoxogos da Universidade da Coruña, como Gelatina is Hungry, e a influencia de Galicia no exterior, con xogos como Hellkind, inspirado na Santa Compaña e desenvolvido por un deseñador turco afincado en Londres, e tamén a relación entre os videoxogos e outras creacións culturais galegas, como foi o caso de A aventura máxica de Merliño, baseado nas lendas tradicionais galegas.