Rosa Crujeiras, reitora da USC: «O mar e a vida no rural márcante»

Sara Pardo
Sara Pardo RIBEIRA / LA VOZ

SOCIEDAD

A reitora Rosa Crujeiras no mirador da Pedra da Ra
A reitora Rosa Crujeiras no mirador da Pedra da Ra Elena Fernández

Coa trasfega das eleccións á reitoría e a aterraxe no posto, este ano a académica apenas tivo tempo libre, pero o pouco que ten aprovéitao para volver a casa cos seus

06 ago 2026 . Actualizado a las 16:55 h.

En plena trasfega na Universidade de Santiago entre o peche do curso académico e o inicio do seguinte, Rosa Crujeiras (Artes, 1978) fixo un parón na súa axenda fai uns días para ser a pregoeira das festas de Ribeira e amosar, unha vez máis, as súas raíces. Co mes de agosto xa en marcha, a profesora gozará duns días de descanso antes de volver á rutina en setembro, un tempo de desconexión que seguro aproveitará para ir a casa e, de paso, visitar de novo o seu lugar preferido: o miradoiro da Pedra da Ra.

—Que ten este lugar?

—Desde aquí arriba pódese ver case toda Ribeira. Ves o mar penetrar na terra, o río, a lagoa de Carregal. E ao outro lado, Sálvora. A vista muda co ceo e a marea, son as miñas vistas preferidas. Sempre que podo, veño ata aquí ou ao faro de Corrubedo.

—E algunha praia favorita?

—A Ladeira e O Castro! Para ser dunha parroquia que non ten praia propia, gústame moito ir. As dúas son moi diferentes, de pequena ía moito á Ladeira, o mar aberto é espectacular. O Castro é máis recollida e encántame polas vistas á ría, sobre todo pola tarde, cando comezan a chegar os barcos.

—Deixando atrás a voráxine, como lembra a experiencia das eleccións á reitoría?

—Foi moi intenso! As redes sociais amplificárono todo e, ao ser catro candidatas e estar claro que por primeira vez na historia da Universidade ía a haber unha reitora, o foco mediático estivo moi enriba de nós. Eu son profe! Para alguén que vén do ámbito académico, toparse de golpe coa prensa e as redes é difícil, aí dinme conta do alcance que temos. Con todo, estou moi orgullosa da mobilización que houbo, especialmente da do alumnado.

—Sentiu tamén o apoio da xente de Ribeira?

—Moito. A raíz dunha publicación, precisamente de La Voz de Galicia, que me presentaba como «a veciña de Artes», gravei un vídeo dicindo: «Ola, aquí a veciña de Artes, moi orgullosa de ser do rural e das miñas raíces». Viralizouse e a resposta foi incrible. Meus pais dicíanme que a xente os paraba pola rúa preguntando se era a súa Rosiña.

—Que significa ser de Artes e ser de Ribeira?

—O carácter que forxas aquí, pola condición do mar e a vida no rural, márcate e acompáñate sempre. Nos pobos pequenos coñecémonos todos e botámonos unha man uns a outros, creo que é o que se transmite aquí: o valor do traballo, do esforzo e a colaboración.

—Seguiu o Mundial? Onde estaba cando gañou España?

—Por suposto, estaba na casa véndoo coa familia. A nena non acabou de velo e ao neno mandámolo para a cama, pero levantouse para ver o final. Eu paseino mal ata o último minuto.

—Así que é futbolera, do Celta ou do Dépor?

—Xa o fun máis! Do Celta e do Barça. Inculcoumo meu pai desde pequena; na casa non había opción, vén de familia.

—Preocúpalle o clima de confrontación actual?

—Moito. A política é necesaria, pero a miúdo confundímola coa polarización. Cando se sinala ao diferente en sentido despectivo e se busca o enfrontamento, esquécense as medidas que realmente fan progresar á sociedade. Quen ten responsabilidades públicas debe ter unha maior amplitude de miras.

—Eses son os valores que defenderá na Universidade?

—A Universidade ten que ser feminista, inclusiva e protexer os valores democráticos. Ás veces damos por feitos dereitos que alguén conseguiu no seu día e que, igual que se teñen, pódense perder. As institucións académicas temos a obriga de transmitir ese coñecemento, preservar a memoria e fomentar a convivencia dende as aulas.