Rafael Baltar, o arquitecto da identidade e das institucións

Yaiza Mesa, J.C. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A mostra percorre os fitos que marcaron a arquitectura galega desde os 70.
A mostra percorre os fitos que marcaron a arquitectura galega desde os 70. Xoán A. Soler

Unha mostra revisa o legado do santiagués e da súa xeración

15 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que había moitos outros nomes para poñer no foco, nas letras grandes, pero ninguén discutiu este martes no Museo do Pobo Galego que Rafael Baltar Tojo (Santiago, 1933-2004) era un dos profesionais máis acaídos para falar de arquitectura galega, pero tamén da súa capacidade para organizarse arredor de institucións como o propio museo —foi o presidente da primeira xunta xestora— e da súa intensa interacción con toda unha xeración de compañeiros que destacaron no último tramo do século XX e que aínda teñen peso específico en todo o se que fai e se constrúe.

Rafael Baltar, testemuña dun tempo. Arquitectura e compromiso nunha Galicia en transformación» e unha mostra que reivindica a figura dun dos arquitectos máis influentes da Galicia contemporánea e, ao mesmo tempo, reconstrúe o proceso de creación das principais institucións culturais e arquitectónicas do país, incluíndo o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, que coa colaboración da Xunta participaron no deseño e financiamento dunha exposición que pode visitarse en Compostela ata o 27 de setembro.

A mostra propón un percorrido cronolóxico por algúns dos fitos que marcaron a arquitectura galega desde os anos 70, estruturado en oito ámbitos temáticos. A través de fotografías, planos, documentos, materiais de arquivo e textos do propio Baltar, o visitante poderá coñecer esa capacidade de xerar estruturas culturais e profesionais que hoxe son determinantes.

Tamén hai espazo para o creador máis íntimo, aínda que no seu caso a firma do arquitecto foi case sempre xunto á dos seus compañeiros de estudo, Xosé Antonio Bartolomé e Carlos Almuíña. Titulado en Madrid e doutor en Arquitectura, desenvolveu a maior parte da súa carreira en Compostela, onde asinou intervencións de referencia como a rehabilitación de San Domingos de Bonaval para o Museo do Pobo Galego; actuacións estratéxicas na Catedral de Santiago, no Teatro Principal, no Salón Teatro, nos Xulgados ou na Facultade de Ciencias Políticas da mesma cidade.

«Máis ca un arquitecto»

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que Baltar foi «moito máis ca un arquitecto», ao integrar patrimonio, modernidade e compromiso social. O director da escola coruñesa, Miguel Abelleira, puxo o foco na súa faceta docente, lembrando a súa capacidade para transmitir a paixón pola arquitectura ás novas xeracións. E o decano do COAG, Luciano Alfaya, subliñou que a mostra se concibiu para preservar a memoria e o legado dunha xeración excepcional de arquitectos. «Chegaron a Galicia nun momento de cambios de tal magnitude que, unicamente o seu compromiso intelectual permitiu tomar decisións que non só marcarían a importancia do Colexio de Arquitectos de Galicia, senón que axudarían a definir o noso país», apuntou. O decano tamén destacou outros nomes que aparecen neste relato histórico, como os arquitectos César Portela e Manuel Gallego Jorreto, ou os intelectuais Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

As comisarias da mostra son Paula Franjo e Sandra González.