Caloroso broche de ouro a outra temporada de Ecovoz, a número 27

Marta López CARBALLO / LA VOZ

SOCIEDAD

<span lang= gl >Clausura do programa Ecovoz nas instalaciones do Aquapark de Cerceda</span>
Clausura do programa Ecovoz nas instalaciones do Aquapark de Cerceda BASILIO BELLO

Uns setecentos escolares sumáronse á festa de clausura celebrada nas instalacións do Aquapark de Cerceda

12 jun 2026 . Actualizado a las 21:29 h.

Que o aprendido durante o curso non quede no esquecemento e que neste próximo verán sigan contribuíndo a coidar o medio ambiente. Con esta mensaxe quedaron os preto de setecentos estudantes que onte, baixo un sol por momentos abrasador, participaron na festa de clausura de Ecovoz, decano programa radiofónico que alcanzou este ano a súa vixésimo sétima temporada.

Posible grazas á implicación de Sogama e á organización de Radio Voz Bergantiños, durante meses deu visibilidade a distintos colectivos, emprendedores ou personalidades implicadas na protección do medio, e involucrou así mesmo a dezaseis centros educativos galegos, cuxos alumnos participaron onte na festa final celebrada no Aquapark de Cerceda.

Na entrega de premios dos certames nos que tomaron parte os colexios participou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que felicitou aos profesores coordinadores e, en xeral, á organización. Acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, reiterou o importante papel que teñen os máis novos, xa que «pequenas accións poden xerar grandes cambios», afirmou.

Xosé Luís Vilela Conde, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, agradeceu a asistencia aos colexios que viaxaron desde localidades tan afastadas como Xunqueira de Ambía, O Barco de Valdeorras ou Cangas e convidounos a inaugurar o verán mentres celebraban a natureza nun espazo como o Aquapark, un recinto de 37.000 metros cadrados do que presumiu o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, citando así mesmo outros espazos do municipio como o xardín botánico, o paseo fluvial, a Vía Verde ou o lago das Encrobas. 

Talento escolar

Un dos apartados máis destacados de Ecovoz —que se emitiu semanalmente para toda Galicia entre os meses de febreiro e xuño— é o Ecopreguntoiro, un concurso en formato eliminatorias no que participaron equipos de cinco estudantes dos colexios adheridos. Tras demostrar os seus coñecementos en materia de medio ambiente ao longo de varias roldas, ocentro vencedor foi o Compañía de María de Cangas, que ademais se estreaba este ano. José Antonio Gil, docente que coordinou ao equipo, apuntou que o Ecopreguntoiro é moito máis ca un certame: «É unha ferramenta didáctica», dixo.

O María Assumpta de Lugo, o Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras e o Cervantes de Lugo gañaron nas outras categorías desta edición de Ecovoz, dando consellos de reciclaxe, deseñando menús para reducir os desperdicios ou ideando un proxecto para alargar a vida da roupa.

Por último, Cristina Gallego recibiu en nome de Elena Fontán, fundadora do proxecto Orixe Salgada, o distintivo de Ecovaledora en recoñecemento polo seu traballo en economía circular.