Os estudantes realizaron unha visita á redacción central e á planta de impresión e distribución, onde aprenderon o proceso de produción do periódico
12 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Rematada a entrega de premios, chegou o momento de repoñer forzas para continuar coa xornada. Aproveitando o día solleiro e a agradable temperatura primaveral, nenos e mestres trasladáronse ao céspede do recinto de La Voz para gozaren dun pícnic, con sándwiches, biscoitos, espetos de froitas variadas e especialmente uns triunfadores cruasáns, que non duraron no prato máis dun par de minutos sobre as mesas, moitas delas feitas polos compañeiros de Servizos Xerais reutilizando madeiras de vellos palés.
«A comida foi o que máis me gustou», dixo unha satisfeita nena durante a merendada. Pero aínda lles quedaba moito por ver. Porque, tras rematar este pequeno momento de lecer —no que tamén xogaron sobre a herba, conversaron e sacaron fotos de grupo—, comezaron unha ruta completa por todas as instalacións da sede central do xornal no polígono arteixán de Sabón.
A primeira parada foi na redacción, onde tiveron a oportunidade de ver os xornalistas da redacción central poñendo a andar o xornal do día seguinte e a edición dixital. Alí puideron ver en directo, precisamente, cales eran neses intres as noticias máis lidas na edición dixital do xornal. Sorprendeulles saber que había traballadores ata altas horas da madrugada para garantir que o diario en papel chegue puntualmente aos lectores. «Supoño que ao día seguinte entrarán máis tarde», empatizou, preocupada, unha rapaza do colexio Montesol de Vigo a unha amiga. «Claro, porque se non, cando dormen?», reflexionaba a súa compañeira, de camiño á zona de impresión e distribución do xornal.
Xa alí puideron coñecer de primeira man todo o proceso. Na sala de control da rotativa, moitos nenos souberon por vez primeira da existencia das pranchas de cor que se usan para imprimir cada prego. Interesados polo proceso de impresión, sorprendéronse ao saber que a rotativa de Sabón é capaz de sacar ata 40.000 exemplares á hora, e tamén pola minuciosa organización para que as trece edicións mais os suplementos cheguen a todos os puntos de venda e vivendas dos subscritores de toda Galicia.
O que máis abraiou a todos os rapaces que visitaron as instalacións de La Voz foi a sala onde se gardan as enormes bobinas de papel que se usan para os diferentes xornais que se imprimen aquí. Poucos podían crer que cada un eses cilindros tiña papel cunha lonxitude de 20 quilómetros. «Con tres deles chegaríase da Coruña a Santiago», reflexionaban durante a visita.
Por suposto, explicóuselles que tanto as pranchas de aluminio como o papel son reciclados. «Ai, menos mal, porque xusto estaba a pensar cantas árbores se tiñan que cortar», respirou moito máis tranquila unha alumna, imbuída do compromiso medioambiental.