O colexio Montesol de Vigo gaña o premio Galicia da 29.ª edición de Voz Natura

M. Simón Gómez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Tres dos sete galardóns do curso van para centros vigueses, o concello con máis participación

05 jun 2026 . Actualizado a las 09:12 h.

Non hai mellor forma de unirse hoxe ás conmemoracións polo Día Mundial do Medio Ambiente que pór en valor o traballo dos máis de 78.000 alumnos que este curso participaron en Voz Natura, o programa de educación e acción ambiental promovido por La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Co apoio imprescindible de preto de 4.000 docentes, desenvolveron 385 proxectos nos ecosistemas galegos.

Limparon praias, ríos e montes; reforestaron e recuperaron espazos queimados; separaron e reciclaron residuos; estudaron, coñeceron e concienciaron e, por riba de todo, actuaron para mitigar os efectos da crise climática, tema destacado desta 29.ª edición do programa.

O comité científico de Voz Natura apoiou o seu labor ao longo de todo o curso e, agora, tivo a difícil tarefa de poñerlle nome aos centros gañadores, os autores dos traballos ambientais con máis pegada. Entre todos, o CPR Montesol, de Vigo, foi escollido por unanimidade como merecedor do gran Premio Galicia. Levará 5.000 euros para seguir desenvolvendo o seu traballo, grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Sogama, que tamén patrocinan o premio infantil dotado con 2.000 euros. Este vai para a Escola Monte da Guía, que converte a Vigo na cidade máis premiada nesta edición de Voz Natura, con tres dos sete galardóns (o luns coñecerase o que falta, o premio á mellor comunicación).

O comité concedeu tamén catro premios provinciais que conlevan 2.000 euros cada un, co apoio de Gadisa:

  • Premio provincia de A Coruña. CEIP Agro do Muíño. «Agronautas orbitando en verde». As dunas de Corrubedo, as Fragas do Eume, a praia de Aguieira ou o río Tambre estiveron no punto de mira dos cativos desde centro de infantil e primaria de Ames. Un amplo proxecto multidisciplinar no que tamén coidaron o seu invernadoiro e fixeron obradoiros ambientais e investigacións.
  • Premio provincia de Lugo. CPI Virxe do Monte. «Actúa xa!». Un proxecto «sensible e participativo» levou o premio de Lugo para este colexio de Cospeito. Coidaron a súa horta, fixeron compost, reciclaron, recolleron lixo na súa contorna e estudaron a biodiversidade na súa charca escolar. Tamén coidaron e protexeron a lagoa de Cospeito, un extenso humedal que estudan cada ano.
  • Premio porvincia de Ourense. CPR A Inmaculada. «Só temos un». Na cidade de Ourense, os rapaces e rapazas deste centro idearon solucións innovadoras para paliar as consecuencias da crise climática. Crearon espazos verdes, promoveron o aforro enerxético, reciclaron, limparon e coidaron os ecosistemas máis próximos, e substituíron especies invasoras por outras auctóctonas.
  • Premio provincia de Pontevedra: CPR Divino Salvador. «Coidemos o planeta». O gañador é un centro de Coruxo, en Vigo, cun proxecto cooperativo, con moitas colaboracións como a da comunidade de montes local para unha plantación de 160 árbores. Presentaron os seus xardíns e a súa horta ás familias e estudaron a fauna e flora intermareal, entre outras moitas actividades.

Un traballo inmenso

O premio Galicia deste curso é un traballo con gran calidade e rigor científico. Titúlase El planeta habla, ¿tú actúas? e destaca polo «compromiso activo e permantente de toda a súa comunidade educativa», segundo recolle a acta dos premios.

Amplo, diverso e motivador son os tres adxectivos cos que o comité o define. Participaron 650 alumnos do colexio e todo o profesorado, con actividades adaptadas a cada nivel, desde experimentos sensoriais os cativos, ata investigacións sobre o cambio climático os maiores.

Ao longo do curso fixeron catro saídas medioambientais para limpar espazos tan emblemáticos como a praia de Samil ou a enseada de San Simón. Atrevéronse a deseñar un prototipo para unha batea máis sostible e eficiente; coidaron o seu horto ecolóxico de 400 metros cadrados e recibiron a visita do xornalista de La Voz Xavier Fonseca para falar cos alumnos sobre loiadas e cambio climático.

Por se fora pouco, tamén colaboraron con investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas no desenvolvemento dunha guía didáctica para sensibilizar sobre o quecemento global.

A Escola Monte da Guía firma o mellor proxecto infantil

Os pequenos plantando
Os pequenos plantando

O gañador do premio infantil é un exemplo de como unha pequena escola pode mobilizar a toda unha comunidade. Cincuenta nenos e nenas de tres a seis anos, cos seus mestres e mestras, implicaron ás familias, a entidades como Amigas da Terra e Voces do Litoral e á iniciativa Vigo Pesqueiro.

Entre todos, plantaron na súa contorna, no Monte da Guía, diversos exemplares de árbores autóctonas, limparon unha praia próxima e crearon patrullas verdes para concienciar a toda á súa comunidade.

Todo isto converteunos nos gañadores infantís dun curso Voz Natura patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.