«Tarde piaches» bota a andar como a gran aposta da TVG para a fin de semana

Lucía Nieto REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Isabel Blanco (esq.) e Silvia Jato (der.) posan no corazón do plató.
Isabel Blanco (esq.) e Silvia Jato (der.) posan no corazón do plató. Ana Reino Suárez

Silvia Jato e Isabel Blanco sitúanse á fronte do magacín este sábado ás 16.00 horas

09 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Plural, próximo e con vocación de reflectir a realidade da sociedade galega. Así se presenta Tarde piaches, o novo magacín da TVG, que se estrea hoxe ás 16.00 con Silvia Jato e Isabel Blanco á fronte. O equipo de Voz Audiovisual, responsable da produción, coidou ata o último detalle deste debut, do que xa se coñecen algúns adiantos.

A apertura correrá a cargo das pandereteiras de Calo, que porán son ao arranque do programa e acompañarán as súas catro horas de emisión. A súa actuación servirá como introdución á sobremesa, un dos principais atractivos do formato, concibido como un espazo de conversa aberta no que non existen temas tabú. Baixo esa premisa, a primeira entrega abordará a menopausa a través do testemuño de varias mulleres e especialistas que acudirán ao plató para compartir as súas experiencias en primeira persoa. Entre as convidadas figuran a actriz Teté Delgado e a sexóloga Vanessa Rodríguez.

Tras as súas intervencións, Tarde piaches dará paso a unha ampla variedade de contidos cos que busca reforzar a pluralidade da súa proposta. Desde a explicación de fenómenos meteorolóxicos que inflúen no día a día, a cargo do divulgador científico e xornalista Xavier Fonseca, ata os consellos de moda da estilista Lara California, pasando polo humor de creadores que triunfan en redes sociais, como Pichin ou o tándem formado por Carlota Ghatos e a súa avoa Pepa, que achegarán un toque interxeracional ao programa.

A entrevista terá tamén un protagonismo especial durante a tarde do sábado. As presentadoras recibirán no plató a convidados como o humorista Moncho Borrajo, que vivirá varias sorpresas ao longo da súa visita, e a Paula Trigo, a quen lle realizaron un transplante pulmonar dobre tras ser diagnosticada dunha enfermidade rara e que hoxe se converteu nun exemplo de superación.

Mentres no plató se suceden persoas e seccións, as reporteiras Alejandro Tojo e Erea Hierro percorrerán as catro provincias para achegar ao público as historias que están a ocorrer en cada recuncho de Galicia, dando voz aos seus verdadeiros protagonistas.

Non hai dous días iguais

Ao tratarse dun magacín de fin de semana, Tarde piaches volverá á grella da canle galega o domingo, tamén en horario de 16.00 a 20.00. Esta continuidade reforza a idea dun formato flexible e dinámico, concibido para ofrecer cada xornada contidos distintos, en sintonía coa actualidade e o ritmo propio da fin de semana.

O compás do segundo día porao o Coro Gospel de Vigo, cunha actuación que promete sorprender ao público e que, ao igual que o sábado, servirá como antesala da sobremesa. Nesta ocasión, o bloque estará dedicado a persoas que decidiron dar un xiro á súa vida profesional. Historias que prometen non deixar indiferente a ninguén e que demostrarán que é posible cambiar de rumbo.

A actriz compostelana Sabela Arán, a arquitecta María Luisa García Gil e os pioneiros do surf en Galicia, como Nicolás Pita, Rufino Tizón e os os irmáns Víctor e Nacho Montenegro, tamén visitarán o magacín durante a xornada dominical. O resto de detalles, como xa ocorre coa edición de hoxe desvelaranse a partir das 16.00 na Televisión de Galicia, ao longo da tarde.