Silvia Jato: «Queremos que o público sinta que ''Tarde Piaches'' é un espazo próximo»
SOCIEDAD
A comunicadora lucense regresa á Televisión de Galicia para conducir durante as fins de semana un magacín que se estrea este sábado ás 16 horas
08 may 2026 . Actualizado a las 09:42 h.Silvia Jato (Lugo, 1971) vive baixo unha máxima: deixar que a vida a sorprenda. Esa natureza camaleónica para abrazar o inesperado foi o fío condutor dunha traxectoria tan sólida como polifacética. Desde a adrenalina do mítico Pasapalabra ata a proximidade de Boas tardes, a presentadora lucense soubo evolucionar coa audiencia, consolidándose como un rostro coñecido da pequena pantalla. Este sábado, 9 de maio, ás 16 horas, Jato regresa ás súas orixes: a Televisión de Galicia. A casa onde deu os seus primeiros pasos recíbea de novo para conducir Tarde Piaches, un magacín que presentará xunto á actriz Isabel Blanco. O espazo nace coa ambición de ser o espello no que Galicia se mire as tardes dos sábados e domingos a través das súas historias e da súa xente.
—A Televisión de Galicia foi o berce da súa carreira profesional. Tras unha traxectoria tan completa por distintos medios e formatos, que significa emocional e profesionalmente volver?
—Nesta profesión é moi complicado identificar quen son as persoas que te están vendo e desde onde o fan. Porén, hai un compoñente moi bonito: a sensación de volver á casa. Iso é precisamente o que sinto coa TVG. Xa non se trata só de falar para os galegos — que son a miña xente, o meu público, a miña raíz— senón de regresar a esa entidade, a ese lugar que me deu a oportunidade de crecer no mundo da televisión e que sempre mantivo as súas portas abertas.
—Botando a vista atrás, que consello lle daría á Silvia que daba os seus primeiros pasos diante das cámaras?
—Que faga o que sinta e que o exprese. Diríalle que se guíe polo seu instinto e pola súa maneira de entender a comunicación, e que non teña medo a equivocarse. Os erros son inevitables e é bo cometelos e aprender deles, porque forman parte da evolución profesional.
—Hai algún referente que teña moldeado o seu estilo persoal de presentar?
—A Televisión de Galicia ensinoume a maxia deste medio, pero ao longo da miña carreira profesional encontreime con grandes profesionais e formei parte de equipos tan marabillosos que considero inxusto mencionar só a uns poucos. Todas as persoas coas que me crucei ocupan un lugar no meu corazón.
—Que vai atopar o público neste novo espazo?
—Tarde Piaches vai ser a voz da conciencia dos galegos; buscamos resolver as súas inquietudes. Queremos ofrecer ao público un programa próximo, ameno e divertido. Un espazo ao que acudan para acompañar as tardes das súas fins de semana e que poidan facelo desde o entretemento, pero tamén desde o rigor e a actualidade.
—Como foron os ensaios e como está sendo a conexión con Isabel Blanco?
—Moi ben. Eu, persoalmente, goceinos moito e non podo ter máis ganas da estrea. Isabel e mais eu coincidiramos en moitas ocasións, pero non tiveramos o pracer de traballar xuntas. Nos ensaios notei moita complicidade; creo que coincidimos en moitos aspectos, pero cada unha achegará o seu propio estilo.
—Hai algún tema ou convidado soñado que lle faga especial ilusión incluír na escaleta?
—Non sei… Luis Tosar, Luz Casal… Todas aquelas figuras que representan a nosa terra e que teñen moito que dicir e achegar. Gustaríame recibilas no plató, conversar con elas e que nos contasen o seu lado máis persoal, esas facetas que non estamos habituados a coñecer, pero que, no fondo, compartimos e que nos demostran que todos nos parecemos máis do que pensamos.
—Tarde Piaches nace nunha era de consumo dixital frenético. Como cree que debe adaptarse un magacín para captar a atención?
—Temos que facer un bo produto. Eu, sempre que empezo un proxecto, penso no produto. Gústame analizar se me entretén, se me sentaría a velo e se gozo facéndoo. Creo que esa é a clave: temos que facer algo que nos encante, porque iso transmítese, e a partir de aí é cando chega a audiencia.
—Nun programa destas características, é das que prefire telo todo baixo control ou permítese o luxo de improvisar?
—Fanática da improvisación, sen ningunha dúbida. Encántame que xurdan cousas e dar espazo á incerteza de o non saber que vai pasar, que se vai dicir, ou como vai reaccionar alguén, incluso cando ocorre algo ou alguén di algo que non te gusta. Esa incerteza é, ao cabo, a incerteza da vida, e iso é moi bonito.
—Pese á experiencia, segue sentindo «bolboretas no estómago» antes de que se acenda o piloto vermello?
—Por suposto. Cada proxecto é un fillo ao que moldeas, educas e escoitas, e ao que vas guiando: «Ui, por aquí non; por aquí si». Todo iso leva o seu tempo. Por iso, ás veces hai que ter paciencia, porque cando non son programas diarios e a ese «fillo» o ves só unha ou dúas veces por semana, a evolución é moito máis lenta. Tes que darte tempo para ir vendo que lle gusta á xente, que non, que che gusta a ti e con que gozas.
—Última pregunta, quédalle aínda algún reto ou soño pendente por cumprir?
—Cada día, para min, é unha vida en pequeno. E non son das que soñan con cousas concretas; gústame que o destino me sorprenda, deixarme levar, adaptarme ao que veña, desenvolvelo e gozalo. Ao longo da miña vida fixen tantas cousas e tan diferentes que, doutra maneira, non tería feito ningunha.