O saber dos galegos ponse a proba nun «Atrápame se podes» máis visual

Lucía Nieto REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Dous participantes do programa responden á pregunta con imaxe.
Dous participantes do programa responden á pregunta con imaxe. Voz Audiovisual

O concurso da TVG incorpora preguntas con imaxes e máis tensión na fase decisiva

23 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Atrápame se podes mantén dende o seu comezo un obxectivo claro: descubrir canto saben os galegos sobre a súa propia terra. Este concurso de cultura xeral, emblema na grella da Televisión de Galicia, emítese de luns a venres arredor das 15:40 horas e incorpora agora dúas novidades destinadas a aumentar máis se cadra a emoción e o dinamismo: preguntas con imaxes e maior tensión no plató.

Dende hoxe, o formato da cadea pública introduce estes cambios co propósito de facelo máis visual e achegar os concursantes e espectadores á riqueza cultural, gastronómica e paisaxística de Galicia. Así, na fase dos premedores, unha das que hai que superar para levar o bote, incorpóranse dúas cuestións acompañadas das súas correspondentes imaxes, un recurso que achega maior interacción e atractivo ao desenvolvemento do espazo. A pantalla xigante coa que conta o concurso amosará as fotografías e fará moi doado ao mesmo tempo o xogo dende a casa.

Só dous dos catro concursantes que chegan a esa etapa do formato logran avanzar á cuarta fase e unicamente unha persoa acada a quinta e última: o minuto final no que en 60 segundos todos os cartos do bote entran en xogo. Este momento, de especial intensidade, coincide coa segunda novidade: o presentador abandona dende este luns o seu atril e sitúase no centro do plató para formular, cara a cara co xogador, as cinco preguntas decisivas. Se o aspirante responde correctamente a todas elas en menos dun minuto, convértese no gañador.

Rodrigo Vázquez, presentador do formato, formúlalle ao concursante as preguntas da última proba.
Rodrigo Vázquez, presentador do formato, formúlalle ao concursante as preguntas da última proba. Voz Audiovisual

Á fronte deste exitoso concurso continúa Rodrigo Vázquez. O xornalista ourensán confesou en varias ocasións a súa expectación por descubrir quen levará finalmente o premio, que segue medrando cada día e supera xa os 22.000 euros: «na historia do programa houbo cuantiosos botes e xa é hora de que veñan polo de Rodrigo».

Un espazo pensado para todos os públicos

Atrápame se podes non se caracteriza só por poñer a proba os coñecementos dos galegos sobre a súa comunidade. A actualidade, a música, o cine ou os deportes son algúns dos temas que integran a batería de cuestións á que, cada sobremesa, se enfrontan tanto participantes como audiencias de todas as idades. A formulación das preguntas busca que calquera persoa interesada poida implicarse e sinta que ten posibilidades de acertar, ao tratarse de asuntos próximos e recoñecibles.

Abonda con observar a quen acode diariamente ao plató para comprobar que se trata dunha proposta dirixida a públicos moi diversos. Galegas e galegos de distintas idades e procedentes de numerosos recunchos de Galicia se animan a poñer a proba os seus coñecementos e a gozar da experiencia televisiva.

Durante o mes de febreiro, o equipo do concurso realizou varios cástings en diferentes localidades galegas. Voz Audiovisual, produtora responsable do formato, mantén aberta a convocatoria no WhatsApp do programa para quen non puido asistir e estea interesado en participar. Para facelo, abonda con enviar unha mensaxe ao número 618 388 087 deixando unha información de contacto.