Tras anos dedicados á mellora da adaptación do millo ás condicións galegas, xurdiu un interese polo estudo da relevancia histórica, agronómica e cultural dunha especie particular de avea, coñecida cientificamente como Avena strigosa e denominada popularmente como avea negra ou moura. Aínda que a Avena sativa domina a produción mundial e está asociada a usos industriais e alimentarios estandarizados, en Galicia a avea negra foi historicamente a especie máis importante. Porén, a partir da década de 1980 experimentou un declive moi acusado, ata case desaparecer como cultivo.
Estudos de xenética de poboacións realizados na Misión Biolóxica de Galicia (MBG)-CSIC indican que a especie silvestre máis próxima á avea negra é a Avena lusitanica, cuxas principais poboacións se concentran en Galicia e presentan caracteres intermedios entre a forma silvestre e a cultivada. Ademais, o noso territorio destaca por ser o único onde se documenta o cultivo recente desta especie (coñecida localmente como xoio ou herba pabenla) e pola maior variabilidade xenética das poboacións de avea negra en comparación coas doutras rexións europeas.
Estes resultados, xunto coa información doutros estudos previos, suxiren que Galicia puido desempeñar un papel relevante na orixe e na diversificación da avea negra. Así mesmo, cabe considerar que a súa presenza noutras rexións atlánticas, como Irlanda, Escocia ou a Bretaña francesa, podería estar relacionada con antigos contactos culturais e comerciais, aos que tamén poderían ter contribuído as rutas viquingas e o Camiño de Santiago.
A pegada cultural da avea en Galicia é ampla e profunda. Abundan os topónimos que derivan dela e existen numerosos testemuños do seu consumo humano, especialmente en forma de papas coñecidas como afreitas ou arrandas, que formaron parte da dieta tradicional durante séculos. A súa presenza en documentos medievais, como o Códice Calixtino, e na literatura, sobre todo en autores como Leiras Pulpeiro ou Álvaro Cunqueiro, confirma a súa importancia histórica e social no territorio galego.
Desde o punto de vista agronómico, a avea negra destaca pola súa rusticidade, resistencia a condicións ambientais adversas e adaptación a sistemas de produción sostibles. Ademais, presenta unha elevada riqueza en compostos funcionais coñecidos como avenantramidas, con propiedades antioxidantes e potencialmente anticanceríxenas, o que incrementa o seu interese nutricional e funcional.
Neste contexto, o proxecto Avea Moura, financiado pola Xunta de Galicia, o Goberno de España e a Unión Europea, e co restaurante Culler de Pau, a cosmética Muuhlloa, a Fundación Juana de Vega e a MBG-CSIC como socios principais, pretende recuperar esta variedade mediante novos produtos gastronómicos e cosméticos, contribuíndo á conservación da diversidade agrícola, ao mantemento do patrimonio cultural ligado á agricultura e a gastronomía e ao avance cara a modelos produtivos máis resilientes fronte aos retos ambientais e sociais actuais.