O bote do «Atrápame se podes», que chega aos 14.000 euros, busca gañadores
SOCIEDAD
O popular concurso da TVG presentado por Rodrigo Vázquez fará cástings a vindeira semana na Coruña, Narón e Vilagarcía
01 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Do título do último grande éxito de Aitana ao número de concellos da provincia de Ourense cuxos nomes superan as dúas palabras e inclúen a preposición «de». A simple vista, poden parecer cuestións inconexas, pero comparten un vínculo inesperado: ambas forman parte das eclécticas preguntas ás que se enfrontan de luns a venres na Televisión de Galicia, a partir das 15.40 horas, os participantes do concurso Atrápame se podes.
Agora o espazo televisivo conducido polo xornalista ourensán Rodrigo Vázquez pisa a rúa na procura de novos aspirantes por toda Galicia. Mediante cástings presenciais, o equipo do programa quere atopar persoas dispostas a xogar, aprender, vivir unha experiencia única fronte ás cámaras e, sobre todo, divertirse e poñerse a proba con altas doses de sentido do humor.
Para acudir a estas convocatorias non é necesario contar con experiencia previa en televisión, aínda que si ter cumpridos os 18 anos e presentarse no lugar e na franxa horaria indicados. Así, este proceso de selección, da man de Voz Audiovisual, fai a súa primeira parada na Coruña o mércores 4 de febreiro no Centro Comercial Cuatro Caminos. Neste enclave habilitarase un espazo para recibir os candidatos na zona próxima ao supermercado Gadis entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, aproximadamente.
A cidade herculina será a primeira das tres paradas anunciadas o pasado venres polo propio Vázquez a través das redes sociais do concurso. Narón e Vilagarcía de Arousa completan o itinerario. Na localidade ferrolá, a cita terá lugar o xoves 5 de febreiro no Centro Comercial Odeón, mentres que na capital arousá celebrarase o venres 6 de febreiro no Centro Comercial Arousa. En ambos os dous casos, manterase o mesmo horario.
Aquelas persoas que non poidan acudir de maneira presencial dispoñen dunha alternativa para participar: enviar un correo electrónico a atrapamesepodes@csag.gal ou unha mensaxe de WhatsApp ao número 618 38 80 87.
Na procura de concursantes e dun novo gañador
«Animádevos, quen sabe… igual acabades neste bonito plató levando o bote», sinalaba o presentador ao rematar o anuncio das probas. Unha posibilidade real para quen se anime a competir e consiga superar todas as fases. O premio, que xa está en xogo, alcanzará os 14.000 euros nas emisións da vindeira semana e seguirá incrementándose ata que alguén consiga facerse con el.
Conseguir o bote non implica únicamente recibir a contía económica, senón tamén superar cinco probas eliminatorias nas que as cuestións formuladas céntranse en aspectos próximos ao día a día da audiencia galega. Música, gastronomía, xeografía ou actualidade forman parte dos contidos habituais de Atrápame se podes.
O último vencedor do concurso foi Pablo Rodríguez Pose, quen logrou impoñerse en maio do pasado ano e levou un premio de 23.600 euros. Este mozo de Cabana de Bergantiños integra un reducido grupo de gañadores no que tamén figura o coruñés Iván Pantín, posuidor non só do maior bote do programa, senón da historia dos concursos televisivos na comunidade, con 101.800 euros. O obxectivo agora é atopar os nomes que se sumen a esta lista.