A serie de Voz Audiovisual reivindica a representación do desexo feminino
18 nov 2025 . Actualizado a las 12:53 h.A sexualidade feminina estivo, durante boa parte da historia da creación narrativa e artística, relegada ao atractivo que tiña só para a metade do público. Unha mirada masculina —o male gaze, como lle chaman os anglosaxóns— que tendeu a obxectivar o desexo das mulleres e desterrouno só ao que resultase apetecible para os homes.
É por iso polo que, durante moito tempo, no cine e nas series se eludiu a representación do desexo das mulleres de maior idade con naturalidade. Por sorte, e aínda que sexa de xeito paseniño, isto está a cambiar en ficcións como O home perfecto, de Voz Audiovisual (TVG, 22.50 horas).
«Sempre é o home maior coa rapaza», reflexiona a directora viguesa Lucía Estévez, que vén de amosar o caso contrario —o da muller madura cun varón máis novo— na serie galega.
A ficción tiña a oportunidade perfecta para romper cos tabús. Unha das protagonistas, Luísa, viúva de 70 anos, atopa unha nova ilusión en Leo, a identidade que adopta con ela o estafador do amor de 40 anos.
Ademais do interese intelectual que lle esperta polas súas aparentes inquedanzas artísticas, a serie quixo ir máis alá, para representar tamén a sexualidade dunha muller madura, e o seu desexo físico e emocional. «Non é normal ver personaxes femininas de máis de 60, especialmente nas series galegas, polo que, como directora, foi a ocasión perfecta para explorar esta necesidade», salienta sobre a representación desta muller que, despois de moito tempo, nota que está «a volver a vivir unha vida que xa deixara atrás».
A escena sexual, amosada no quinto episodio, foi deseñada evitando especificamente a mirada masculina. «Hai unha costume no audiovisual de amosar os corpos, sobre todo os femininos, e tamén de fragmentar o corpo das mulleres, mostrándoo por partes», explica Estévez, que non ve necesario «ensinar por ensinar».
Como alternativa, formularon un xogo entre os actores. «Partimos da base de que ía ser unha escena íntima sen espidos, na que se traballaría a sensualidade desde outro lugar», indica.
Unha secuencia que non por iso está exenta de carga erótica nin de representación das necesidades físicas da protagonista.
Para a preparación dos actores, Elena Seijo e Adrián Castiñeiras, neste momento íntimo, a música e a propia intuición dos intérpretes tivo un papel esencial. «Escoitaron varias veces unhas cancións para entrar a xogar e así fomos atopando o xeito no que se atopaban cómodos», indica a realizadora, que defende que neste tipo de producións é esencial deixar que sexan os intérpretes os que atopen o seu lugar e que demostren a naturalidade e complicidade que require a situación ficticia. «Ao final, eles son os que poñen os corpos e hai que escoitalos. Falar con eles para ver ata onde queren chegar e ata onde non», defende.
A reivindicación do erotismo nas mulleres maduras na serie galega coincide con outra ficción que loita contra a ditadura cultural edadista feminina. En Siempre es invierno, David Trueba salienta o atractivo dunha dona de máis de 50 anos (Isabelle Renauld) que tén unha relación cun home moito máis novo (David Verdaguer). O director, que adapta a súa propia novela, Blitz, criticou explicitamente que se vexan con bos ollos os homes que teñen relacións con rapazas, pero acusen de escándalo os casos contrarios.