O Día da Restauración da Memoria: por que tamén na morte cómpre normalizar o galego
SOCIEDAD
A iniciativa da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística substituirá varias lápidas por epitafios en galego no mes de Santos
01 nov 2024 . Actualizado a las 09:24 h.Un día, Xosé González Martínez achegouse a unha muller que limpaba a lápida do seu pai no cemiterio. Preguntoulle en que falaba el e a muller díxolle que en galego. Pero o epitafio estaba en español. «E que mal lle fai?» preguntoulle a muller, que sinalou outra sepultura enfronte: «Aquel ríase do meu pai e agora xa ves, está en castelán coma el». A anécdota vén ilustrar, e de que xeito, como á normalización do galego aínda lle queda percorrido por facer. Sobre todo na morte, porque «se hai algo en Galicia que pesa moito na memoria dos vivos é o cemiterio».
Ten Rosalía de Castro un poema que fala precisamente da comuñón entre vivos e mortos. Non hai un día no que non haxa xente nos camposantos. «Os cemiterios son os depósitos da memoria colectiva da comunidade parroquial», di González Martínez. E porén, hai trinta anos, apenas unha de cada mil lápidas estaba en galego. Afortunadamente, o número medrou co paso dos anos, pero fíxoo ao compás da sociolingüística: «Onde debera haber máis lápidas en galego, que é nas zonas monolingües, hai máis en castelán. E onde tiña que haber menos lápidas en galego —as zonas bilingües, as vilas e as cidades— hai máis presenza de galego nos cemiterios», explica o presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. É dicir, que nas zonas monolingües permanece a crenza de que o galego non é lingua de prestixio e non é válida para, por exemplo, os ritos funerarios.
Por iso é importante o Día da Restauración da Memoria. Coa colaboración dos concellos, colócase unha placa na entrada do cemiterio que di: «Na memoria de todos os que están aquí, porque grazas a eles, Galicia segue tendo cultura e lingua de seu» e ademais, procédese á substitución de lápidas cos epitafios en castelán por outras en galego de persoas comprometidas coa lingua e a cultura galegas.
É o caso de Manuel de Dios, compositor e musicólogo, que durante moito tempo foi director da Coral de Ruada, que descansa no cemiterio de Coles e ao que se lle dedicará un acto de restauración da memoria este luns, día 3. Pero tamén do cofundador da Unión Militar Democrática, Octavio Vázquez Sotelo, Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo de Montes, que ten unha lápida do ano 1972 en castelán.
O presidente do Foro Peinador lembra con especial emoción o acto de restauración da memoria dedicado a Florencio, o cego dos Vilares, soterrado na Fontaneira, unha parroquia da Fonsagrada de 25 habitantes e só tres casas con fume. Acudiron á homenaxe máis dun cento de persoas de toda a contorna, incluíndo tamén aos escolares da zona. Un deles díxolle ao rematar o acto que ía asegurarse de que o seu avó tivese unha lápida en galego.
«Falta a primeira vez que alguén nos dixera que non». Ningún herdeiro de todas as persoas ás que se lle devolveu a lingua galega no descanso eterno se negou ao cambio de lápida, que ademais faise sen custe para a familia.
Durante o acto tamén se reparte a acta de vontades, un texto coa que unha persoa declara que o seu desexo é que tanto a lápida, como as exequias, como a necrolóxica e a liturxia durante o seu funeral sexan en lingua galega. «Na casa, ese documento ten unha función pedagóxica importantísima», subliña Xosé González. O desexo de que sexa o galego tamén a lingua vehicular na morte «debe estar nos familiares. Os fillos deben ser conscientes dese documento». Porque máis aló de actos institucionais e festividades, é o cotián o que normaliza unha lingua. Non todo o mundo le poesía. Pero abofé que todo o mundo morre.