O anteproxecto da lei galega debatirase no Parlamento e dará un prazo de tres meses para elección do director xeral

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Sede de TVG en San Marcos
Sede de TVG en San Marcos TVG

A CRTVG pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e contará cun novo consello asesor de participación social e profesional

24 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia aprobou o pasado mes de xullo o anteproxecto de lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, co que pretende adaptar a regulación á nova normativa do Parlamento europeo e «posicionar á CRTVG para afrontar os retos ao que deben enfrontarse os medios públicos nun marco de competitividade de medios e servizos audiovisuais». Establécese neste anteproxecto que a CRTVG pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

A diferenza do procedemento levado a cabo en TVE pola vía do real decreto, o texto galego permaneceu aberto na páxina web da Xunta para a consulta previa de todos os puntos contidos na norma e proximamente será remitido ao Parlamento de Galicia para o seu debate.

No que respecta ao nomeamento do director xeral, establécese que a opción prioritaria é o consenso entre os grupos con representación parlamentaria, polo que en primeira instancia buscarase a elección con respaldo de dous terzos da Cámara (50 deputados) e, en segunda votación, con tres quintos (45 deputados). En caso de que non se alcanzase consenso, e abrindo un novo período para chegar a acordos que podería estenderse por tres meses, o texto elaborado pola Xunta inclúe «unha disposición transitoria para evitar una situación de interinidade sen solución de continuidade» que puidera supor un bloqueo. Podería nese caso producirse unha elección por maioría simple (38 deputados).

A candidatura para ocupar a dirección xeral será formulada en comisión parlamentaria e o seu mandato será de cinco anos renovables.

O consello de administración estará formado por outras seis persoas, elixidas igualmente polo Parlamento, e crearase un novo consello asesor de participación social e profesional adaptado ás indicacións recollidas na normativa europea. Este novo organismo, elixido por vía parlamentaria, constará de quince membros, entre eles o responsable da dirección xeral. Nove deles representarán a sectores da cultura, a ciencia, a tecnoloxía, a educación, a sanidade, as entidades locais, os consumidores e as persoas con discapacidade. Tres membros, designados polo Consello da Xunta, representarán ás industrias culturais e audiovisuais, da lingua e das tecnoloxías da comunicación, e dous máis representarán aos profesionais dos medios públicos.

Discusión no Parlamento

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a deputada do PSOE galego Carmen Dacosta enfrontáronse onte no Parlamento por mor deste anteproxecto de lei que, en opinión do grupo socialista, «dilapida» a pluralidade no seno da corporación. Para a Xunta de Galicia, a norma é máis «transparente e participativa» que a reforma por decreto da lei de RTVE.