Carlos Reboreda, a voz galega de Superman: «Sempre creas vínculos cos actores que dobras»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

-

Hoxe é o 20 cabodano de Christopher Reeve e o actor galego lembra como foi poñerlle voz: «É unha pena que a cativada non poida ter esas películas e ver que Superman tamén fala galego»

10 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No mundo da dobraxe, cando chaman dun estudio, pode ser para facer dun camareiro ou dun protagonista. Aquel día, Carlos Reboreda descolgou o seu teléfono. Xerardo Couto, o director, ofreceulle un protagonista. Ofreceulle ser Superman.

«Chamáronme para facer de Christopher Reeve, que realmente era un actor que eu non coñecía demasiado». En realidade, ata que se converteu en Clark Kent, non o coñecía moita xente. Porén, remataría por ser un dos actores máis famosos dos 80 e, sen desprezar aos que o substituíron despois, é aínda hoxe o auténtico Superman, malia que el dicía que non era un heroe: «Só foi un papel, interpretei un papel. Non son ese home».

Carlos Reboreda vai lembrando aos poucos como dobrou a aquel home con máis presenza na pantalla que diálogo efectivo cando se fan os 20 anos da morte do actor, que en 1995 quedou paralizado por mor dun grave accidente de equitación e aínda que o negaba, continuou sendo un superheroe malia non volver poñer a capa.

A súa historia e a da súa fundación, que segue apoiando a investigación sobre as lesións medulares e loitando polos dereitos das persoas con discapacidade, pódese ver hoxe nos cines a través do documental Super/Man: A historia de Christopher Reeve, na que se recupera o seu propio testemuño e no que participan os seus tres fillos e actrices que o coñeceron, como Susan Sarandon, Whoopi Goldberg ou Glenn Close, que sostén que se Reeve non morrera, poida que Robin Williams seguise vivo. Eran amigos dende Juilliard, a escola de interpretación á que asistiron ambos.

A Christopher Reeve intentaron convencelo de que non aceptase o protagonista dunha película que semellaba que ía ser ridícula, pero que tornou en éxito mundial, que marcou a xeracións e que aínda hoxe é emocionante. Tamén Reboreda dixo que si. «Chegas alí á hora que estás convocado, normalmente para un protagonista ás oito da mañá, e o director diche de que vai a película e o personaxe. Eu sempre pido escoitalo primeiro», para ver como se manexa o actor. Para aprender as cadencias e os tons e o maior número de matices de Christopher Reeve.

A escena na que Superman aterra no balcón de Lois Lane precisou 68 tomas pola complexidade técnica que daquela requiría a ilusión de que Superman voaba. Carlos Reboreda non lembra ben, porque xa pasaron unha chea de anos, pero probablemente dobrou a Superman —con Tacho González como Lex Luthor («quedáballe fantástico», rememora Reboreda) e Ana Lemos como Lois Lane— nun só día. Unha mañá e unha tarde. A mecánica da dobraxe é por takes, fragmentos de non máis de trinta segundos, non máis de cinco liñas, unha medida fundamentalmente económica que cuantifica o traballo actoral.

A película se cadra empézase a dobrar polo medio, ou polo final, porque hai que organizar a todo un elenco compatibilizar as dispoñibilidades. «Antes de gravar ensáiase o take, escoitas o orixinal, tentas escoller a maior información posible do ton e da intención do actor, porque a intención é moi importante», explica o actor de dobraxe.

É fundamental tamén adaptar a sincronía. «Normalmente o director xa leva o texto axustado da casa, pero hai actores que teñen a dicción máis veloz e outros son máis lentos» e entón, no ensaio, quen dirixe pide engadir ou quitar palabras, axustando sobre a marcha. «Todo este proceso, que parece tan longo, acontece en dous ou tres minutos, como moito».

Carlos Reboreda dobrou a Christopher Reeve en Superman e tamén noutra produción, Interferencias, no que Reeve interpretaba a un mozo que traballaba nunha canle de televisión por cable. «Con todos os actores que dobras sempre desenvolves un vínculo», recoñece. «Eu sempre fun máis do cómic» porque a rapazada da súa xeración lía moito Marvel e porque a banda deseñada, como la literatura, sempre deixa espazo á imaxinación propia. «Pero lembro que me gustou dobralo, porque a fin de contas estás dobrando un produto que viron millóns de persoas en todo o mundo».

«É unha mágoa que a Xunta non mova estas películas polas escolas», di Reboreda. Porque «do que si eramos conscientes naquelas épocas con Son Goku —Reboreda era a voz do androide C-16— e todas as películas que dobrábamos, que eramos o caldo de cultivo para que moitos nenos e nenas aprendesen galego». Era un reto para actores e actrices, pero tamén para os lingüistas e para todo o equipo. «É unha pena que a cativada non poida ter esas películas e ver que Superman tamén fala galego».

Cando Jeff Bridges parabenizou a dobraxe do «Gran Lebowski» en lingua galega

Ademais de ser a voz de Superman nas películas dos 80 e do androide C-16 nas Bolas do dragón, Carlos Reboreda converteuse na voz galega de Bruce Willis, na de Martin Sheen — «foi marabilloso dobrar Apocalypse Now e á vez terrible, moi duro», lembra— e tamén na de Jeff Bridges. O Gran Lebowski, o filme dos irmáns Coen, é «a que máis gocei dobrando, tiñamos que parar ás veces da risa. Charo Pena era a directora e fixo un traballo descomunal». Tanto, que o propio Jeff Bridges deu os parabéns a Carlos Reboreda pola dobraxe en galego, «dixo que lle encantaba e lle parecía que estaba moi ben adaptada». Pero como ten Jeff Bridges unha copia do Gran Lebowski en galego? «Nun dos foros de fans alguén preguntaba se alguén sabía en candos idiomas estaba dobrado Jeff Bridges. Eu contestei explicando que había tamén dobraxe en galego, que era unha lingua semellante ao portugués dunha comunidade de España. Ao mes escríbeme un tipo interesándose por cando o dobrara. Identificouse como o representante». Pediulle unha copia e Reboreda mandoulla. Meses despois, o propio Jeff Bridges escribiulle por correo electrónico dándolle os parabéns.