Lodoselo, capital galega dos coidados

La Voz OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

O concello ourensán de Sarreaus acolleu onte a Romaxe de Crentes Galegos, organizada pola asociación Irimia

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campo da Lama de Lodoselo, no concello ourensán de Sarreaus, reuniu onte a centos de persoas nunha nova edición da cita itinerante que cada ano organiza a asociación Irimia. Trátase da Romaxe de Crentes Galegos, que alcanzou a súa edición número 46. A elección do escenario non foi casual porque este ano a romaxe xiraba en torno á necesidade dos coidados. E de coidar saben moito en Lodoselo. O Centro de Desenvolvento Rural O Viso desta localidades colaborou con Irimia na organización e durante a xornada púxose en valor o seu traballo en prol do coidado da xente e do entorno. A mensaxe que transmitiron baseábase na idea de que Galicia, sobre todo a Galicia rural, debe transformarse nun lugar de coidados, de solidariedade, con iniciativas sociais e políticas públicas adaptadas ás peculiaridades da poboación. En Lodoselo inspíranse na tradición para ofrecer eses coidados. Fano na vivenda comunitaria, no centro de día, co seu servizo de atención a domicilio ou con actividades educativas e de conciliación.

Os organizadores da Romaxe referíronse a Lodoselo —pero tamén a outras parroquias próximas— como capital galega dos coidados por como teñen logrado que a comunidade estea ao servizo da comunidade.

Onte, na Limia, trala celebración, os participantes —chegados en autobuses desde A Coruña, Santiago, Ferrol e distintos puntos de Ourense, mais tamén en vehículos particulares ata xuntar a catrocentas persoas— compartiron un xantar e unha foliada.