Só Netflix cumpre coa porcentaxe de contidos en galego: «Para unha crianza é máis fácil ver debuxos en xaponés ca en lingua galega»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

iStock

Segundo o Informe Xabarín da Mesa pola Normalización, todas as canles incumpren os mínimos de contidos en galego, incluíndo TVE. Na súa plataforma só hai 4 produccións e dúas en realidade non se poden ver en galego

27 abr 2023 . Actualizado a las 19:24 h.

Hai un ano que se aprobaba a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que entre outras cuestións, establecía cotas mínimas de contidos en lingua galega. Rematado o prazo para adaptarse á lexislación, só Netflix (que non está suxeita a esta lei) sobrepasa o 1,5 % de contidos en lingua galega. O resto de canles e plataformas non acadan o mínimo, incluíndo a TVE, que está obrigada por lei (as canles privadas non) a ofertar cando menos un 2,5 % dos seus contidos en lingua galega.

Son algunhas das conclusións demoledoras do Informe Xabarín 2023, elaborado por Laura Borrajo e que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística e que alerta dun retroceso nos contidos en lingua galega principalmente para as crianzas, unha situación de emerxencia tendo en conta o relevante papel que xogan os contidos audiovisuais na transmisión da lingua.

«Para unha crianza, hoxe é máis fácil ver debuxos en xaponés ca en lingua galega», resumía o presidente da Mesa, Marcos Maceira, durante a presentación do informe, que revela que a presenza do galego nas principais operadoras de paquetes televisión, é do 0,83 % nos contidos dirixidos a público infantil e xuvenil. É dicir, emítense diariamente 278 horas fronte a dúas horas e 55 minutos de programación infantil a través da canle G2 da Televisión de Galicia.

«É unha porcentaxe ridícula», lamenta Maceira. É máis, o contido audiovisual infantil na TVG reduciuse con respecto ao informe do 2018. Se daquela se emitían de luns a venres era do 4,6 %. Este ano  é do 2,44 % do total de emisións. As fins de semana aumenta un pouco, porque a programación infantil increméntase ata as 3 horas e 55 minutos na G2. 

«No resto de canles de TDT, ermo para o galego», unha cuestión máis preocupante se se ten en conta a canle pública estatal. Clan TV non emite ningún contido en lingua galega, pero si ten unha sección para debuxos en inglés. A televisión pública española é a única obrigada por lei a ter como mínimo un 2,5 % dos contidos dispoñibles en cada unha das linguas cooficiais do Estado e a presenza do galego é do 0,26 %. Neste momento, na plataforma RTVEPlay só hai opción de versión orixinal en galego de catro producións. Delas, dúas non funcionan. Cuñados non se pode ver en galego e A illa das mentiras permite seleccionar a lingua galega, pero só se escoita a banda sonora e o son ambiente, non os diálogos, segundo salientou Marcos Maceira

 No resto das plataformas españolas, a situación non é moito mellor: Mitele e A3Player non ofertan contidos en lingua galega, Movistar ten dúas producións (o 0,1 % do seu catálogo) e Filmin ten un 0,3 %, a que maior porcentaxe presenta, mentres que o contido infantil e xuvenil en galego ten unha presenza do 0,75 %.

Só hai unha plataforma que chega ao mínimo do 1,5 % que establece a lei, pero paradoxicamente, non está obrigada a cumprir esa normativa, porque a súa sede está fóra da UE. Trátase de Netflix, que ten un 1,44 % do seu catálogo dispoñible en lingua galega, porcentaxe que acada o 1,89 % no caso de contidos para público infantil e xuvenil. «Parece que Netflix acolleou con mais normalidade unha reclamación cidadá» que organismos públicos como TVE, explica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. 

HBO e DIsney+ non teñen presenza de galego, mentres que Amazon Prime está lonxe aínda da oferta de Netflix, cun 0,44 % dispoñible en lingua galega e sen contidos infantís. 

Unha cuestión «de urxencia»

Cos datos na man, Marcos Maceira falaba da urxencia de que haxa contidos audiovisuais dispoñibles en lingua galega, fundamentalmente para a infancia e mocidade. Non só porque se está incumprindo a lei, senón tamén por uns datos sociolingüísticos que amosan que practicamente un de cada catro mozos e mozas menores de 15 anos non é competente en lingua galega. «O galego non se pode permititr que non haxa un acceso mínimo aos contidos televisivos» porque non ter producións dispoñibles «impide usar o galego no noso propio domicilio».

Para paliar esta situación, que vén de vello, a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en marcha a Iniciativa Xabarín, que obtivo o apoio de máis de 33.000 persoas e aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia, uqe pedía reforzo e promoción das catro canles dixitais Xabarín coas que conta a CRTVG, así como que RTVE emita todos os seus contidos con opción de dobraxe ao galego e instar á Xunta a chegar a acordos con outras administracións e empresas para garantir a opción dobrada a lingua galega, entre outras cuestións.