Luca Chao: «O feminismo non é o que ti queres cando te ergues pola mañá»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

MIGUEL VILLAR

Publica con Galaxia «Feminismo en cen palabras» un dicionario de  termos básicos no pensamento feminista que mestura teoría con conceptos actuais como señoro

03 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pódese abranguer unha teoría política de máis de 300 anos de historia en só cen palabras? Se cadra non, pero o que si se pode trazar nun cento de termos é un mapa esquemático sobre o que é a loita pola igualdade das mulleres. Se cadra, así se pode definir Feminismo en cen palabras (Galaxia): un mapa sinxelo co que comezar a camiñar pola teoría feminista. 

«Unha ten a sensación de que os conceptos se maltratan diariamente en todas partes, e moi especialmente en espazos públicos, nos que quen fala debería ter maior responsabilidade». Luca Chao,  doutora en Ciencias Sociais e especialista en Migracións Internacionais, é a autora dun libro que, como o movemento de liberación das mulleres, está tecido con moitos fíos e a moitas mans, as das alumnas do mestrado en igualdade da USC no que era profesora cando comezou este proxecto, que funciona como un dicionario, unha guía sobre termos que ás veces se usan «sen saber de que estamos falando».

Nun momento de forza do movemento feminista, no que se fala dunha cuarta vaga, é importante ter claros os alicerces nos que se sostén a loita pola igualdade das mulleres. É importante saber que é o feminismo. «Dentro dos feminismos hai moitas correntes teóricas, pero que sexa plural, inclusivo e abert ao debate non significa que sexa un saco roto no que entra calquera cousa». Luca Chao adoita utilizar un símil con outra gran teoría política, a marxista: «Ninguén se atreve a dicir "o marxismo como eu o entendo", porque non hai un marxismo como ti o entendes, hai moitos teóricos e teóricas que pensaron sobre isto e lle deron forma deste xeito. Co feminismo pasa isto». Hai correntes, hai debates e tensións, pode haber «correntes coas que sentirme máis cómoda, pero o feminismo non é o que ti queres cando te ergues pola mañá».

Así, ao xeito dun dicionario de cen termos cos que achegarse ao feminismo por primeira vez, naceu un libro de cen palabras que foron escollidas nun par de sesións de traballo co alumnado do mestrado. Dunha reflexión e dunha escolla colectiva. Son estas palabras, pero poderían ser outras, abofé. E poderían ser duascentas, ou trescentas. Podería haber varios volumes deste dicionario, no que se mesturan con naturalidade e con necesidade termos fulcrais da teoría feminista como xénero, con palabras nacidas á calor das redes sociais, como onvre, feminazi ou señoro.

«A lingua construímola diariamente entre todas as persoas que a utilizamos e o mesmo acontece co pensamento», explica a autora. Por iso, se quen practica diariamente o feminismo comeza a utilizar novas palabras para falar do presente no que viven «vexo necesario incorporalas, porque nomean realidades presentes qe consolidarán e no futuro será importante telas incorporado».

Igual que «no seu momento definir o xénero foi fundamental, e falamos dende hai máis de 60 anos e mira o debate que nos segue xerando —di a autora cun sorriso— hoxe hai outros debates que están enriba da mesa, e se as mulleres utilizan novas palabras para referirse a novas realidades coas que están construíndo pensamento feminista creo que é necesario reivindicalas e coñecelas».

Se hai que escoller, Luca Chao escolle dúas palabras: sororidade e aliado. «En realidade son caras semellantes da mesma moeda», porque o feminismo non existiría sen lazos de cooperación e afecto entre as mulleres, sen un concepto que contén o feito de que «moitas mulleres diversas poidamos estar xuntas empurrando cara á mesma dirección, que é ese horizonte de utopía feminista dunha sociedade na que sexamos iguais todas as persoas». 

E, ao mesmo tempo «é unh camiño que soas non imos poder andar». Por iso Luca Chao tamén reivindica o concepto aliado e a necesidade de que haxa «moitos homes aliados nesta causa, que entendan que teñen que achegar dende unha segunda liña e cuestionar os seus privilexios e os espazos nos que se relacionan de forma habitual, sinalar as condutas machistas que teñen absolutamente normalizadas».

Sen iso, di, será máis difícil chegar a unha utopía «na que creo como algo que si terá lugar, non como algo que non pode acontecer». Nese camiño que comeza co mapa esquemático que supón Feminismo en cen palabras tamén hai outros perigos. Como que o feminismo estea presente no debate social só arredor de dúas datas: o 25 de novembro e o 8M. «Hai que aproveitar as fendas do sistema para falar destas cousas» e facerse cos espazos que se abren durante semanas concretas, pero «milito na idea de que as mulleres temos que opinar alí onde nos deixan, e incluso onde non nos deixan, e de moitas outras cousas, non unicamente de feminismo», porque «unha forma de facer feminismo é que as mulleres fagamos oír a nosa voz en todos os temas que nos rodean».

Os grandes pulos tamén traen perigos, como o da banalidade ou a redución a un lema. «Está moi ben que se vendan moitas camisetas», di Luca Chao, defensora do mainstream. Está ben que a xente se poña os eslógan, «prefiro o eslógan a que non exista, pero non quero que o feminismo quede ridiculizado como unha etiqueta para vender cousas o 8M».