O Día do Naturalismo Galego nace con Frei Martín Sarmiento de primeiro referente

Patricia Hermida Torrente
patricia hermida CEDEIRA / LA VOZ

SOCIEDAD

O profesor Rafael López Loureiro é o promotor da iniciativa
O profesor Rafael López Loureiro é o promotor da iniciativa ANGEL MANSO

O profesor Rafael López logrou apoios da RAG, Real Academia de Ciencias e CCG

01 mar 2023 . Actualizado a las 12:47 h.

Tempo de amorodos, acivros e carqueixas. Pola botánica galega tamén se interesou Frei Martín Sarmiento (1697-1772), o galego máis ilustrado da Ilustración: autor de Coloquio en 1.200 coplas galegas, 150 anos antes de Rosalía de Castro. E a el quere dedicárselle o Día do Naturalismo Galego o 9 de marzo. Unha iniciativa impulsada polo profesor cedeirés Rafael López Loureiro que se presenta hoxe co apoio da Real Academia Galega (RAG), a Real Academia das Ciencias e o Consello da Cultura Galega (CCG).

 López Loureiro admite que leva anos coa idea na cabeza: «Quixemos que coincidise co natalicio de Martín Sarmiento porque os naturalistas considerámolo como o noso guía».

A campaña de adhesións iniciouse no outono pasado e apuntáronse «artistas, asociacións culturais e sociais, ademais de institucións como a RAG, o CCG e a Real Academia de Ciencias». Martín Sarmiento sería o inspirador para o día dedicado aos valores da natureza. Nacido en Vilafranca do Bierzo, aínda que pontevedrés desde os sete meses, ademais de un adiantado ao seu tempo e defensor da lingua galega, destacou como botánico. «Traballouse moito na súa obra lingüística e histórica, pero a súa parte naturalista quedou de lado e queremos sacala á superficie», indica Loureiro, que engade que a demais das institucións citadas e de asociacións ecoloxistas (Adega, Verdegaia, Amigos da Terra entre outras), a título individual «hai moitos apoios de xuíces, gardas rurais, artistas, cantautores como Guadi Galego e Xurxo Souto».

No caso de tratarse dunha declaración internacional «necesitaríase o respaldo da ONU ou da Unesco, pero ao ser de ámbito galego non fai falta aínda que sería ideal que a Xunta integrase esta materia no currículo escolar», di o mestre xubilado, que agora ten 68 anos, e recalca que a través deste Día do Naturalismo Galego «os escolares deberían coñecer a labor do Pai Sarmiento pola integración das ciencias naturais nas universidades, porque ten unha obra amplísima na que fala de flamencos, rinocerontes ou bidueiros... e aínda queda moita obra inédita». Aínda recentemente «se acabou de editar a súa Obra de 660 pregos en cinco volumes».

O investigador cedeirés celebra que «coa declaración se recoñeza a labor extraordinaria e calada do naturalismo galego, que mesmo tivo o desprezo de parte da sociedade, con tarefas como a defensa da píllara das dunas na nosa bisbarra». E tamén destaca «o apoio da Real Academia Galega para que o idioma se respecte cun léxico naturalista propio, e o do Consello da Cultura Galega para o autor de Coloquio en 1.200 coplas galegas, xa no século XVIII, e cunha obra en defensa do noso territorio».

Martín Sarmiento sería así «unha marca moi famosa pero cunha obra non suficientemente coñecida, pese a especialistas como a profesora Rocío Ameneiros».

López Loureiro encárgase de divulgar a súa figura e tamén a riqueza do entorno no seu blog Ao noroeste do noroeste, «no que tamén defendo unha cultura naturalista, a nivel pictórico ou literario... mira que eu son da xeración na que queríamos ser Félix Rodríguez de la Fuente», sinala. E avanza que «o Día do Naturalismo Galego non naceu pero o 9 de marzo será un bebé».

Reivindicarase así con máis forza tanto a defensa da natureza como a Martín Sarmiento, frade bieito que tivo na súa cela no mosteiro de San Martín de Madrid unha das maiores bibliotecas privadas do XVIII, con 6.500 volumes. Grazas a este enorme coñecemento Mariño Ferro dixo del: «Foi un galego xenial, senón o máis xenial dos galegos».