O fenómeno das espontaneadas galegas: «O XVIII tivo altas taxas de ilexítimos e fillos de curas»

SOCIEDAD

xosé ramón novoa

Ángel Arcay recolle nun libro o acto xurídico, único en España, no que as nais solteiras declaraban a súa situación

24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o 18 de novembro de 1805, cando a solteira Josefa Prieto realizaba a seguinte confesión na freguesía de Santa María de Narahío: «Movida de la fragilidad humana y a consecuencia de la palabra de casamiento que le ha dado Vicente Fernández de Fontela, resultó encinta de ocho meses a esta parte». Como fiador actuaba o seu pai Domingo Vidal (a embarazada levaba o apelido da nai). E o protocolo asinado por Baltasar de Rivera amosaba un acto xurídico típico de Galicia e único en España: o espontaneado, polo que estas mulleres informaban do seu estado ante un notario. O historiador e arquiveiro Ángel Arcay Barral relata este fenómeno no libro Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (séculos XVIII-XIX).

Ao contrario do que moitos pensan, «as nais solteiras en Galicia só empezaron a ser estigmatizadas a raíz da Revolución Industrial». Coa incorporación masiva dos homes ás fábricas, «as mulleres convírtense en anxos do fogar, cando antes eran todo o contrario», explica Arcay. Por exemplo, «hai escritos dun investigador de Ferrol sobre a proliferación de prostitutas, hospicios e nais solteiras a finais do século XVIII; como unha Sodoma e Gomorra ou un inferno na Terra, con taxas esaxeradas de fillos ilexítimos e fillos de curas». A figura da espontaneada crearíase para «legalizar esa situación, para ter un marco xurídico ante datos tan escandalosos como indica Serrana Rial». Pero co «mundo liberal no XIX» iníciase a estigmatización: «A muller ten que ser delicada coa obriga de coidar da familia».

Ángel Arcay documentouse no Arquivo Notarial da Coruña: «Empecei consultando outras cousas e apareceron moitísimas espontaneadas en Neda... ao final baleirei todos os datos das comarcas de Ferrol e Eume». No século XVIII aparecen así altas taxas de espontaneadas, «pode ser que, pola emigración, algunhas quedaban embarazadas para que no futuro alguén as coidase». Só neses anos, na vila de Cedeira rexistráronse 222. O cómputo total entre Ferrol e Eume de 1665 a 1870 é de 558 espontaneadas ou embarazadas que comunicaron a súa situación en protocolo notarial. Arcay aventura que «en Cedeira neses tempos unha de cada tres mulleres puideron ser embarazadas solteiras».

A muller encinta podía facer esta inscrición de modo voluntario ou obrigada por investigación notarial. A orixe do termo espontanear «é un misterio porque non atopamos o texto desa normativa». As casadas, aínda que quedasen encinta fóra do matrimonio, non tiñan que dar explicacións. Iso quedaba para as solteiras, viúvas e célibes. Ángel Arcay, arquiveiro en Betanzos, indica que as alternativas para estas últimas era «espontanearse para así non ser molestadas, pero tamén había moitos casos de uso de herbas abortivas, infanticidios ou o abandono nos hospicios». Xunto coa espontaneada aparece a figura do fiador, un home que «comprometía o seu patrimonio polo benestar da muller» e que normalmente era o seu propio pai.

Nos anos investigados, «Galicia estaba moi poboada e Ferrol era a cidade máis habitada e moi proclive ao que se chamaba cópula da carne». Recalca Arcay que «por primeira vez temos a testemuña das mulleres de clase baixa que contan ante as autoridades como aceptaron actos torpes por promesa de casamento». As espontaneadas non eran castigadas, pero prometían vivir castamente o resto dos seus días.