«Atrápame se podes» énchese de cativos para celebrar o novo ano

Iago García
iago garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

La Voz de Galicia

Un total de 25 nenas e nenos optan aos prezados agasallos do concurso líder da TVG

31 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre Aninovo e a noite de Reis serán os máis pequenos da casa os que teñan a oportunidade de responder ás preguntas que Paco Lodeiro fai cada noite no concurso máis visto da TVG. Dende o domingo 1 de xaneiro e ata a chegada dos Magos de Oriente, un total de 25 nenas e nenos, cinco cada xornada, gozarán dun divertido xogo, adaptado aos protagonistas que chegan ao estudio. «Por vez primeira os espectadores van poder vivir con nós a fase dos supostos, na que os concursantes teñen que ir descartando opcións mentres eu vou dando definicións», sinala Lodeiro sobre unha das novidades que incorpora o formato.

«Tivemos en conta os gustos e afeccións dos escolares, e vai ser moi divertido tamén para os maiores descubrir se realmente saben máis ca un neno de primaria», explica Nerea Angueira, guionista encargada das vindeiras cinco edicións especiais do Atrápame.

En todo caso, non van faltar estas noites, a partir das 22 horas na Televisión de Galicia, os contidos que caracterizan este espazo: soarán os éxitos musicais do momento, farase repaso do ano que rematou e non faltarán as preguntas en clave galega, para situarnos no noso país, cos nosos autores, personaxes e lugares máis característicos. «Saberán os nenos quen era Rosalía? A que canta seguro que si, a de Follas Novas imos comprobalo pasándoo moi ben», continúa Lodeiro á hora de detallar o que se vai poder ver.

«Os cativos que veñen son, nunca mellor dito, o mellor de cada casa. Se na edición normal buscamos xente divertida e espontánea, neste caso procuramos que toda Galicia se vise reflectida nuns rapaces que chegan dende moi diversos puntos da comunidade». Así detalla Ana Fontán, encargada do cásting, o reto que supuxo a selección duns concursantes moi especiais.

Para eles, os premios que se porán en xogo non serán económicos. Cada noite cinco nenas e nenos diferentes levarán cadanseu regalo. E aquel que acade o prezado quinto e derradeiro chanzo porá baixo a árbore de Nadal unha videoconsola de última xeración. Serán polo tanto cinco videoconsolas e outros 20 agasallos máis os que o programa poña en xogo.

As emisións regulares volven o día 7

Despois das edicións especiais de Nadal do concurso, a loita polo bote, que está xa nos 67.000 euros, retomarase nas noites da TVG o vindeiro sábado día 7 de xaneiro. «O meu desexo para o novo ano é entregar o segundo bote da historia do programa», apunta un esperanzado presentador. Para cumprirlle a Paco Lodeiro a súa ilusión, as persoas interesadas poden mandar os seus datos de contacto ao enderezo electrónico atrapamesepodes@crtvg.gal e poñer en marcha o proceso de selección.

O concurso que produce Voz Audiovisual para a TVG é o programa máis visto da canle autonómica os días nos que se emite, e tamén a opción favorita no mando a distancia con respecto aos seus competidores noutras canles á mesma hora.

Segundo os datos de audiencia facilitados por Barlovento Comunicación, o pasado día 24 de decembro o programa máis visto da TVG foi o especial con famosos de Atrápame se podes, producido por Voz Audiovisual. Na Noiteboa, obtivo un 25,5 % de cota de pantalla e unha audiencia media de 176.000 espectadores. Un de cada catro galegos que seguían a televisión a esa hora conectaron con concurso que presenta Paco Lodeiro.