TVG crea tres canles infantis para ver na páxina web e na aplicación

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os Bolechas
Os Bolechas ASTRID PÉREZ

Os contidos en galego para nenos están agrupados en tres tramos de idade

21 dic 2022 . Actualizado a las 17:43 h.

A CRTVG pon en marcha tres novas canles infantis ás que se pode acceder desde a sección de directos da súa páxina web e tamén a través da aplicación da corporación pública. O director de contidos, Fernando R. Ojea, sinala que «esta oferta facilita o acceso dos máis cativos aos seus contidos favoritos en galego no portal da CRTVG, en tres canles adaptadas a distintos tramos de idade».

As novas canles son tres: Pequerrech@s, que vai destinado ao público de ata 6 anos e inclúe series como Os Axóuxeres, A tropa de trapo, Caracois, Cocorico, A nosa casa, Os Bolechas, Os Bolechas no cole e Os Bolechas One2Three; Cativ@s, dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, con A Pita Cega, Braulio Tuber, Era unha vez a vida, Era unha vez o home, Garfield e mais os seus amigos e Pippi Mediaslongas, entre outros; e Mociñ@s, destinado aos maiores de 9 anos, que poderán gozar de títulos como Kiteretsu, o primo máis listo de Nobita, Yakari, As andanzas do gato con botas, As aventuras de Rocky e Bullwinkle, Banana Cabana e Betty Atómica. Entre todas acumulan 46 títulos e máis de 2.600 episodios.  

Ademais, este nadal a corporación completa a súa programación infantil da TVG2 cada tarde, ás 17 horas, cun streaming de 20 minutos de duración de Merenda cos Bolechas en YouTube.

O Parlamento de Galicia expresou hai máis dun ano a súa vontade de impulsar a creación de canles e contidos audiovisuais en galego para o público infantil e xuvenil seguindo o modelo do Xabarín Club.