Carracedo, primeiro científico que recolle o Otero Pedrayo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Ángel Carracedo recibindo o premio Otero Pedrayo de mans de González Formoso.
Ángel Carracedo recibindo o premio Otero Pedrayo de mans de González Formoso. EDUARDO PEREZ

O xenetista recibiu o galardón nun acto celebrado na Coruña

10 ene 2023 . Actualizado a las 18:42 h.

O investigador e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo recibiu este xoves na Coruña o premio Otero Pedrayo 2022. Foi nun acto celebrado no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía que marcou un fito no concurso, xa que se trata da primeira vez que con este galardón na se recoñece unha carreira centrada na investigación médica e científica. O xurado, composto por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais, das universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, foi unánime ao respecto. E o galardoado tamén insistiu nese papel da ciencia «como unha parte indispensable do acervo cultural». Amosou a súa satisfacción polo premio xa que entende que «é tamén un xeito eficaz de achegar a propia ciencia á sociedade en xeral».

«O impresionante currículo científico e os logros profesionais de Ángel Carracedo fan que un profesional deste tipo sexa galardoado por primeira vez nos premios máis lonxevos de Galicia», afirmou na entrega o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou «a defensa de Ángel Carracedo do noso idioma como lingua válida de expresión en todos os ámbitos e, particularmente, no da divulgación científica, así como o seu compromiso coas novas xeracións, para as que sempre atopa tempo e nas que sempre depositou a súa confianza».

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, encargada da organización este ano, definiuno como «un pioneiro, un visionario e un extraordinario divulgador que viaxa a través das formas máis íntimas da vida». 

Referencia internacional

Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 1955) é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela desde 1989, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desde 1997 e director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde o 2002.

Xenetista de referencia internacional, ocupa desde 1994 a dirección do Instituto de Medicina Legal da USC, ademais da vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a presidencia da International Society for Forensic Genetics.

As súas investigacións, centradas na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as doenzas raras e a farmacoxenómica, convertérono en gañador do premio Otero Pedrayo, outorgado por primeira vez a un investigador científico, segundo se resaltou durante o acto.

O premio está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. O galardón, que actualmente está dotado con 16.000 euros, instaurouse en 1977 e ten como obxectivo perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.