«Ruth Matilda Anderson deixounos un patrimonio onde podemos ver a nosa historia retratada»

n. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Sonia Martínez
Sonia Martínez

TVG emite os sábados, ás 19.15 horas, a serie documental «Galicia de 20 a 20»

05 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz e directora Sonia Méndez é a presentadora de Galicia de 20 a 20, a nova serie documental da TVG producida por Voz Audiovisual en colaboración coa Hispanic Society of America. Esta road movie segue os pasos de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa americana que nos anos 20 do século pasado percorreu Galicia e capturou preto de cinco mil imaxes. Cen anos despois, Galicia de 20 a 20 actualiza esas imaxes para ver canto cambiamos.

—Hoxe ás 19.15 horas emítese o segundo episodio de «Galicia de 20 a 20» na TVG. Con que nos imos atopar nesta serie documental?

—En Galicia de 20 a 20 imos atoparnos co noso pasado e imos poder comparalo co noso presente. Ver como eramos e en que cambiamos. Penso que por iso o que mellor define a Galicia de 20 a 20 é, como digo eu, a melancolía documental. A maiores, tamén imos facer unha viaxe para descubrir a fotógrafa, a Ruth Matilda Anderson. É fascinante pensar que esa muller, nesa época, a pesar de todas as dificultades coas que se atopou, retratou Galicia e deixounos un arquivo, un patrimonio histórico, onde podemos ver a nosa historia retratada.

—En «Galicia de 20 a 20» non estivo soa, acompañouna a fotógrafa Leticia T. Blanco. Como foi facer esta viaxe xuntas?

—Ruth Matilda fixo dúas viaxes por Galicia. A primeira fíxoa acompañada de seu pai, pero a segunda fíxoa coa tamén fotógrafa Frances Spalding. É incrible, porque eran dúas mulleres novas viaxando nunha época na que as mulleres nin votaban e elas dúas estaban entrando nas casas da xente, retratando oficios e movéndose por unha Galicia cunhas comunicacións moi complicadas. E cen anos despois é como que Leti e eu, salvando as distancias, reproducimos esa viaxe de Ruth e Frances. Con respecto a isto, tamén houbo algo que nos sorprendeu. Nós para chegar a algúns lugares tardabamos na nosa furgoneta moito tempo, polo que imaxina a Ruth, que ía ata eses mesmos sitios en carro de vacas ou a pé. Lembro que ao chegar Leti e eu preguntabámonos: «Como chegou ata aquí?».

—É unha viaxe para actualizar as fotografías que Ruth Matilda fixo en Galicia nos anos vinte. Cambiamos moito?

—Si, cambiamos moito. Por exemplo, moitos dos nenos que vemos nas fotografías de Ruth Matilda están descalzos, o cal agora é impensable; hai oficios retratados por ela que desapareceron; e moitos lugares onde se lle comeu terreo ao mar. Outra das diferenzas máis importantes e unha gran constante coa que nos atopamos na viaxe foi a Galicia rural deshabitada, que xa non ten vida e na que non hai oficios. O que si que non cambiou moito, lamentablemente, é o tema da emigración. Atopamos moitos casos de xente que non emigra a América como nos anos vinte, pero si que marcha da súa vila para traballar na cidade. Iso segue estando no ADN galego.

—E como foron eses momentos de mostrarlle as fotografías á xente e que puidese recoñecer nelas ascendentes ou mesmamente lugares?

—Primeiro destacar o traballo de Olaia Tubío e Alejandro Gándara, directores e guionistas de Galicia de 20 a 20. Eles fixeron un traballo de investigación previo moi importante. Analizaron moitas fotografías para situalas e buscaron os descendentes e as historias detrás delas. E con respecto aos momentos, houbo moitos entrañables, non podería quedarme con só un. Aínda que si que é certo que a min pasoume unha cousa curiosa, xa que me tocou vivilo en primeira persoa sen buscalo. Vin que unha fotografía de Ruth Matilda, onde estaban dúas nenas nun pozo, estaba sacada en Lentellais (Ourense), a vila da miña avoa Neves. Mandeille a foto á miña avoa e resulta que o pozo estaba dentro da finca da miña tía avoa, polo que fomos falar con ela. O que si é que non sabía quen eran as nenas, posiblemente fosen fillas de xornaleiras.

—Que é o que máis destaca das fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo en Galicia?

—Algo que me fascina moito das fotografías de Ruth é que retratou a moitas mulleres en Galicia e esas mulleres levaban o mundo na cabeza (cestas, maletas…). Non retratou mulleres que estaban en actitudes maternais ou na casa facendo a comida, retratou a mulleres que estaban traballando. Mulleres que estaban levantando o país.

—Despois desta viaxe en dez etapas seguindo os seus pasos, con que se queda?

—Hai moitos momentos, pero quedo con todas as persoas que coñecemos no camiño e que fixeron o retrato desta Galicia, porque ao final son elas as que fixeron Galicia de 20 a 20.