Patrocinado porPatrocinado por

Rof Codina: a ciencia é para falar das vacas

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GANADERÍA

Juan Rof Codina nunha campaña de vacinación de gando
Juan Rof Codina nunha campaña de vacinación de gando

Non só transformou a profesión veterinaria. Os seus traballos serviron tamén para estandarizar a raza bovina galega. E foi o salvador da Muralla de Lugo. O Día da Ciencia en Galicia recoñece o seu labor a prol do agro

04 nov 2022 . Actualizado a las 14:29 h.

Non sempre ten que haber grandes descubertas para falarmos de ciencia. Ás veces, o a súa gran utilidade é servir de panca para a transformación social. Juan Rof Codina é un exemplo do coñecemento posto ao servizo da mellora da calidade de vida dos individuos. Non só polo seu traballo de clasificación e recuperación, tamén porque «foi capaz non só de divulgar, senón de convencer».

A frase de Juan Lema, presidente da Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) vén definir a figura dun catalán de Lugo («la gente no es de donde nace, sino de donde pace». lembraba o seu neto José María Sancho Rof) ao que se lle debe a transformación do agro galego e da práctica veterinaria. Foi el o que estableceu os estándares da raza bovina galega (daquela aínda non era rubia) e a el tamén se lledebe a ordenación da profesión veterinaria e o desenvolvemento dos estudos desta especialidade en Galicia, que comezaron no edificio que hoxe dá acubillo ao Parlamento en Santiago. O Pazo do Hórreo rematou por transformarse en cuartel, pero Rof Codina exerce firme oposición a ese cambio de actividade. Coincidía, porén, cunha caída da matriculación, ata o punto de que as anécdotas dan conta de que acabaron por pedir a bedeis que se matricularan.

O seu labor e a importancia da figura de Juan Rof Codina como renovador do agro en Galicia está recollido na publicación que o Consello da Cultura presentou co gallo do Día da Ciencia en Galicia. Un volume, coordinado por Antonio Rigueiro, no que tamén se pode ler como Rof Codina se converteu no salvador da Muralla de Lugo. Nos anos vinte do pasado século comezou a barallarse a posibilidade de derrubala para expandir a cidade e utilizar esa pedra como material de construción nos portos da Coruña ou Ferrol. Os cálculos de Rof Codina sobre o volume de pedra que habería que transportar e as viaxes con carros que serían necesarios para trasladar a pedra disuadiron de seguir con proxecto.

«Tiña mente de matemático», dicía de brincadeira Elena Vázquez Cendón, coordinadora da sección de ciencia do Consello da Cultura Galega e firme defensora da ciencia como cultura e dese concepto de saúde única que hoxe está máis en vigor ca nunca e que xa desenvolveu Rof Codina, figura da que se analizan varios aspectos no volume a través de diferentes artigos.

Antonio Rigueiro, Rosario Álvarez, Juan Lema e Elena Vázquez Cendón durante a presentación do libro
Antonio Rigueiro, Rosario Álvarez, Juan Lema e Elena Vázquez Cendón durante a presentación do libro consello da cultura

Diego Conde céntrase na súa imaxe como referente na mellora agropecuaria galega, ata o punto de que algúns dos seus postulados están vixentes aínda na actualidade e traspasaron as barreiras de Galicia, salientaba Rigueiro. Pola súa banda, José Luis Factor analiza a evolución da profesión veterinaria en Galicia, que hoxe ten como referencia a facultade de Lugo. Cando se implantaron os estudos, houbo debate na xunta de goberno da USC entre Santiago e Lugo. Gañou a segunda por só un voto. Laura Arias, de ACRUGA, analiza o seu traballo na estandarización da raza bovina galega, que o converte nun dos pais da mellora da rubia galega, que hoxe é «a mellor raza cárnica do territorio». 

«Supuxo un antes e un despois no eido da gandeiría e da agricultura», salentaba Antonio Rigueiro sobre a pegada en Galicia de Rof Codina, colaborador de outros grandes nomes como Cruz Gallástegui. Un home que tiña claro tamén que «o campo non é so un elemento produtivo, é un elemento integrado no cerne da sociedade e aí actua», tal e como explicaba Juan Lema.

Sobre a implicación de Rof Codina no agrarismo e en Solidaridad Gallega, ademais das súas múltiples facetas como renovador agropecuario e veterinario dá conta o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto no acto central do Día da Ciencia en Galicia, que se celebra no Pazo de Fonseca e no que que reciben as Medallas de Investigación Jesús López Romalde (Bioloxía e Cienicas da Saúde), Ramón Máiz (Ciencias Económicas e Sociais), Ángeles Sanromán Braga (Ciencias Técnicas), Jorge Mira (Matemáticas, Física e Computación) e Isabel Pastoriza Santos (Química e Xeoloxía).