Este luns chega a Televisión de Galicia o esperado final de «Saudade de ti»

n. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

A serie remata a súa primera tempada sendo líder de audiencia

11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Televisión de Galicia emite este luns, a partir das 22.40 horas, o último capítulo da serie Saudade de ti. Un final de infarto no que os espectadores poderán descubrir moitas das cousas que levan semanas agardando, entre elas con quen queda Celia, se Gaspar consegue librarse da acusación de homicidio imprudente e moitas máis sorpresas. A primeira tempada da serie chega ao seu fin despois de sesenta episodios cheos de intriga, romance e misterio e o seu desenlace tampouco vai deixar indiferente a ninguén.

Saudade de ti conquistou á audiencia, que a converteu na ficción líder do verán con máis de 150.000 espectadores seguíndoa cada noite. Este domingo estrearase un novo episodio a partir das 22.40 horas na TVG e o luns, á mesma hora, emitirase un maratón cos tres últimos capítulos.

No episodio anterior, Mónica tivo un sangrado e desconfía de que lle puidese pasar algo ao bebé que está esperando. Non obstante, non quere que Raúl se entere, xa que ese fillo é o único motivo polo que o seu marido segue ao seu carón. Embarazada ou non, Mónica vai facer ata o imposible por impedir que o seu matrimonio se vaia ao traste. Pero non vai ser a única. Se hai alguén a quen Adela non quere de nora é a Celia, polo que non vai perder a oportunidade de ter a Mónica na súa contra. Haberá que esperar a ver se conseguen saírse coa súa e rematar dunha vez por todas co amor que une a Raúl e Celia.

Por outro lado, Gaspar atópase entre a espada e a parede. Coa ameaza dun xuízo á volta da esquina, agora ten que lidiar co feito de que todo Abrente o sinale como culpable do accidente. Iso gústalle tan pouco coma as chamadas que lle fai o seu misterioso chantaxista, que non parece que se vaia a dar por vencido facilmente. Por se todo iso non fose suficiente, Raúl quere chegar á verdade, polo que comeza unha investigación con Celia para saber que pasou a noite do tráxico suceso. Gaspar non vai ter tan sinxelo saírse coa súa e, aínda que así fose, hai moitas persoas en Abrente que estarían dispostas a tomarse a xustiza pola súa man.

Preguntas ata o último minuto

Por outra banda, dende a chegada de Saleta as cousas complicáronse moito para Lucho. A súa exsocia ameazouno con facerlles algo a Noa e Elba se el non cooperaba na venda dos reloxos. Lucho quere seguir polo bo camiño, pero tratándose das dúas mulleres que máis lle importan, non se sabe se será quen de negarse ou se este será o comezo da súa volta aos negocios turbios do pasado.

Aínda hai moitas preguntas sen resposta nestes últimos capítulos de Saudade de ti. O que queda claro é que as intrigas das tramas non se resolverán ata o último minuto.

A actriz María Tasende e os actores Adrián Castiñerias e Fran Nogueira conforman o triángulo amoroso da serie. Un reparto que inclúe nomes da talla de César Cambeiro, Mayka Braña, Manuel San Martín, María Costas, Alfonso Agra, Carmen Méndez, Fernando Morán, Cristina Andrade, Dani Medín, Carmen Méndez, Alberto Rolán, Paku Granxa, Beatriz Serén e Martina Bravo, entre outros.

A serie conta co argumento escrito polos creadores e guionistas Sergio Campo e Jacobo Paz e a dirección correu a cargo de Ozo Perozo, Giselle Llanio e Manu Espiñeira.