Enganchados a «Saudade de ti»

N. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

Os espectadores tratan de adiviñar o final da primeira tempada da serie

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie de éxito da Televisión de Galicia, Saudade de ti, achégase ao seu desenlace sendo líder de audiencia. Cando o remate da primeira tempada está cerca, os seguidores desta ficción explican que é o que máis lles gusta e que agardan do final. Nestes últimos capítulos aínda quedan moitas cousas por resolver. Este domingo, a partir das 22.40 horas, na TVG os espectadores poderán saír de dúbidas cun novo episodio de Saudade de ti.

Gaspar: inocente ou culpable?

Bea Viqueira, mestra de infantil de A Coruña, devece por saber quen está chantaxeando a Gaspar e que ten que ver o patriarca dos López de Castro na traxedia. Por suposto, Bea ten as súas teorías e non dubida en sinalalo como responsable, o que lle fai pensar que rematará no cárcere. Sonia Priegue, de Cee, ten o corazón dividido, xa que non pode evitar quedar prendada cada vez que Manuel San Martín, o actor que interpreta a este personaxe, aparece en pantalla. «Quedo hipnotizada cando o vexo, o seu ton de voz, o seu sorriso… Faino xenial!», explica. Non é a única. Gaspar levanta paixóns, tanto en Abrente coma entre os espectadores. De feito, non todo o mundo o culpa do suceso. Dende o Carballiño, Rita Mosquera pensa que «alguén manipulou o coche onde ían Gaspar e Olga para perdelos de vista e vingarse».

Quen conquistará o corazón de Celia?

«Tedesnos a miña nai e a min enfrontadas. Eu quero que Celia estea con Raúl e miña nai que estea con Santi». Iso é o que di Eva Pérez, unha estudante de 21 anos de Vilanova. Eva quere que Celia remate con Raúl. «Vexo como un amor verdadeiro, que por moitos anos que pasen nada cambia e para min ese é o sentido do amor», afirma. Mentres, a súa nai, Isabel, pensa que Santi é máis compatible coa doutora de Abrente e non é a única. Amalia García, de Caión, é taxante e di que o de Celia e Raúl xa rematou: «Quédome coa bondade e dozura de Santi; é un bo pai, amigo, guapísimo… e merece ser feliz xunto a Celia». O embarazo de Mónica fai que algúns espectadores crean que finalmente Raúl vai quedar con ela. Anxo Lorenzo, un estudante de 18 anos de Noia, vai moito máis alá e arríscase a apostar por un final onde todo remate coma comezou: Raúl con Mónica e Celia e Noa, marchando para Bilbao.

Ata onde chegarán as intrigas de Adela por acadar os seus obxectivos?

Outra das grandes preguntas que están pendentes de resolver nestes últimos episodios que están a punto de emitirse é cal vai ser o futuro de Caldeirada de Abrente. Sonia Priegue espera que «Raúl e os seus tíos non vendan o negocio, así dánlle no nariz a Adela». A coruñesa Bea Viqueira está de acordo con ela, pero tamén sabe que «Adela vai facer ata o imposible por conseguir os seus obxectivos». E non vai estar soa niso. Jorge Bernárdez, propietario dun taller mecánico que segue sempre a serie dende Biscaia, di que Gaspar e Adela fan un tándem moi forte e ambicioso e que parece que non se queren, pero no fondo si. Polo que con eles xuntos, Raúl, Dimas e Teresa teñen moi complicado saírse coa súa.

Noa e Lucho, unha relación perigosa

Os espectadores saben que en Abrente as tornas poden virar en calquera momento, xa o viviron coa trama da identidade do pai de Noa. Agora que descubriron que é Lucho, ansían que Noa comece a tratalo coma seu pai, pero tamén temen que esta relación poda ser perxudicial para a rapaza. Sonia Priegue, de Cee, apunta que coa chegada de Saleta as cousas estanse complicando e Noa pode acabar pagando as consecuencias. Rita Mosquera, de O Carballiño, está segura de que «Lucho vai facer o que sexa necesario para salvar á súa filla, mesmo volver aos asuntos turbios do pasado».

Unha serie que ten armula do éxito

Algo que resaltan os espectadores de Saudade de ti son os perfís femininos da serie. Anxo Lorenzo, de Noia , di que «o papel das mulleres é importante na serie, posto que hai varios elementos feministas: a valentía de Celia para criar soa a Noa noutra cidade, Adela e Mónica levando o cargo de Porto de Abrente, e incluso Teresa organizando o bar. Son mulleres empoderadas e iso paréceme ben, porque é un elemento actual que demostra que a sociedade está avanzando». Eva Pérez, de Vilanova de Arousa, engade que «son mulleres independentes e non necesitan a ningún home para desempeñar o seu traballo, elas soas o fan sen problema». E isto é algo que gusta moito entre o público.

Eva Pérez, Anxo Lorenzo e Bea Viqueira
Eva Pérez, Anxo Lorenzo e Bea Viqueira

A opinión dos espectadores

EVA PÉREZ

Vilanova de Arousa, 21 anos, estudante

«E unha das mellores series da TVG desde hai tempo. Empaticei moito con Celia e a dor de perder a súa nai e agora tédesnos a miña nai e a min enfrontadas por Raúl e Santi»

ANXO LORENZO

Noia, 18 anos, estudante

«Os meus personaxes favoritos en Saudade de ti son Brais, Elba e Noa, porque eles levan a contraria aos valores tradicionais da familia e actúan sempre por iniciativa propia»

BEA VIQUEIRA

A Coruña, 38 anos, mestra de infantil

«Na casa estamos todos enganchados. Estou segura de que Gaspar é o culpable do accidente e intentará facer algunha das súas para non ir ao cárcere»