O «Atrápame se podes» irrompe nas festas de María Pita na busca de concursantes na Coruña

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDAD

.

O concurso estrela da TVG realiza un cásting este martes día 9 de agosto fronte ao Palexco

08 ago 2022 . Actualizado a las 14:24 h.

Atrápame se podes, o programa presentado por Paco Lodeiro cóase nas festas coruñesas co obxectivo de atopar novos participantes. O equipo do espazo televisivo trasládase este martes, día 9 de agosto, co seu set fronte ao Palexco. Procura xente espontánea e divertida, que se adapte ao ton humorístico do concurso.

A selección de persoas levarase a cabo en horario de mañá (11.00 horas-14.00 horas) e de tarde (16.00 horas-19.00 horas). Os candidatos deberán presentarse dentro das horas indicadas na zona da Marina. A única condición para participar é ser maior de idade.

No caso de non poder acudir, as persoas interesadas tamén poden enviar un vídeo de presentación (máximo 3 minutos de duración) e os seus datos de contacto, incluíndo o nome completo, teléfono, idade, lugar de nacemento e ocupación, por whatsapp ao 629 613 376 ou ao correo atrapamesepodes@crtvg.gal.

Os candidatos terían a oportunidade de gañar un bote que xa supera os 47.000 euros. No caso de non poder facerse con esta gran cifra, en cada programa o gañador levaría 200 euros.

O Atrápame leva repartidos entre os seus concursantes máis de 75.000 euros. O espazo continúa as súas emisións durante o verán (de domingo a xoves ás 22.00 horas) e segue sendo o máis visto da canle. Máis de 100.000 espectadores seguen o programa cada noite.

Mecánica do concurso

O Atrápame se podes emite cinco programas semanalmente. Cada vez participan cinco concursantes que son os mesmos durante cinco días. Nese tempo teñen a posibilidade cada xornada de facerse co bote ou, se non, un petisco de 200 euros.

O espazo divídese en catro fases cuxas preguntas están caracterizadas polo seu humor e entretemento. Ademais a música ten un papel fundamental na Fase dos retos, como non podía ser doutra forma ao estar liderada pola voz de Labañou, Paco Lodeiro.

Á Fase final chegan sempre dous concursantes que van subindo os chanzos das escaleiras segundo vaian acertando respostas. O primeiro en chegar ao último chanzo é o gañador do día. No caso de non fallar ningunha resposta, levaría o bote.