Estrea de «Saudade de ti», a serie do verán na Galega

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Mayka Braña da vida a Adela, matriarca da familia López de Castro
Mayka Braña da vida a Adela, matriarca da familia López de Castro

Drama, romance e intriga de domingo a xoves no «prime-time»

03 jul 2022 . Actualizado a las 11:34 h.

Os espectadores de Televisión de Galicia teñen unha cita esta noite con Saudade de ti, a nova serie de Voz Audiovisual, que se emite de domingo a xoves a partir das 22.30 horas despois do Atrápame se podes.

A trama da ficción comeza durante a celebración das festas do Carme na vila mariñeira de Abrente. Un accidente de tráfico leva por diante a vida de dúas veciñas: Olga, a querida médica da vila, e Uxía, unha das súas sobriñas, que deixan atrás unha morea de incógnitas.

A traxedia pon patas para arriba a vida das súas familias. Mentres tratan de adaptarse ao seu novo día a día, as malas linguas non tardan en espallar rumores porque a doutora viaxaba acompañada dun home que non era o seu marido e a moza do outro coche non tiña carné de conducir.

Todo isto motiva que Celia, a filla de Olga e médico de profesión, volva a Abrente para poñer un pouco de orde na súa familia e tamén da consulta da súa nai. En Abrente o pasado garda moitos segredos e non pode escapar deles ninguén.

A serie conta cun reparto de excepción entre os que se atopan María Tasende, César Cambeiro, Mayka Braña, Manuel San Martín, María Costas, Alfonso Agra, Fran Nogueira, Carmen Méndez, Adrián Castiñeiras, Fernando Morán, Alberto Rolán, Cristina Andrade, Dani Medín, Martina Bravo, Paku Granxa ou Beatriz Serén, entre outro nomes.

Teo Cardalda, na sintonía

Un elemento fundamental da serie da Galega é a súa sintonía de cabeceira. Como xa se pode entrever co título, a canción que vai acompañar o inicio de cada episodio é o retrouso popular e recoñecible da canción de Andrés do Barro Saudade de ti.

Este tema sobradamente coñecido para o público está neste caso versionado por Teo Cardalda, membro de grupos como Golpes Baixos ou Cómplices, xunto a María Monsonís.