Roberto Verino volve ao punto de partida para revisitar catro décadas de profesión

la voz OURENSE

SOCIEDAD

Alejandro Camba

Verín acolle unha mostra con corenta imaxes emblemáticas, unha por ano,
dos mellores fotógrafos de moda

30 jun 2022 . Actualizado a las 22:51 h.

Podería facelo en calquera outro sitio. Nalgún dos espazos emblemáticos e de visita obrigada para sectores como os da moda ou da cultura, entre outros. Mais Roberto Verino mantén a aposta rexa polas orixes e no seu pobo -ese que converteu en nome propio no mundo da moda e do deseño e no que goza como colleiteiro nunha denominación de orixe, a de Monterrei, que está chamada a protagonizar aínda moitas e inesquecibles sorpresas- abríu onte ao público a exposición antolóxica que percorre as súas catro décadas de profesión. 40 años de #estiloverino. Belleza Serena é o título da mostra que ata o 30 de agosto estará aberta na Casa da Cultura de Verín.

A proposta fotográfica inclúe unha imaxe por ano e na antolóxica faise un pecorrido pola carreira profesional de Verino a través das mellores modelos -Christy Turlington, Olatz ou Helena Christensen, entre outras- e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro.

Na inauguración da Casa da Cultura de Verín o diseñador salientou o feito de que «esta exposición é moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos. Unha muller ou home Verino pode ter unha prenda no seu armario de hai 20 anos e ser perfectamente actual no día de hoxe», sinalou.

Estilo propio e inconfundible

Na proposta 40 años de #estiloverino. Belleza Serena queda reflectida a evolución da marca, tomando como liña narrativa o estilo propio e inconfundible que se amosa nas imaxes. En palabras do protagonista da retrospectiva: «Se nos percatamos no que nos aporta esta selección de fotos, podemos ver unha linguaxe propia que vai no noso ADN. Un código de elegancia, sen estridencias, con selo para todos aqueles que desexan estar ben consigo mesmos».

Lembrou o deseñador e viticultor algunhas das reflexións que teñen ido creando a súa identidade profesional ao longo de catro décadas de carreira. Sinalou que a moda pode axudar a ser máis equilibrados e a estar máis contentos e seguros, e esa circunstancia debe ser un argumento que debemos ter en conta cando mercamos unha prenda. Tamén insistiu «no concepto da importancia de ter un bo armario emocional, con prendas que resolven o teu día a día e que, ademáis, recordan bos momentos, falan da túa familia, da túa historia e de ti mesmo. Un armario desas características sempre dirá moito máis do que o defenda, aportará un estilo propio e inconfundible a todo aquel que aposte por esta forma de moda que perdura con verdadeiro propósito», asegurou Roberto Verino.

A exposición da Casa da Cultura de Verín poderase visitar de martes a sábados: de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, de martes a venres. Os sábados estará aberta de 10.00 a 14.00 horas.

Páxina web e itinerancia

Tamén se poden coñecer os contidos da mostra na súa propia páxina: www.estiloverino.com. A partir de setembro, e durante 2022 e 2023, a exposición pasará por doce cidades. Entre outras Madrid, Bilbao, Sevilla e Oviedo.