Chega «Saudade de ti», a nova ficción diaria da Televisión de Galicia

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A serie comeza as súas emisións de domingo a xoves o vindeiro 3 de xullo

25 jun 2022 . Actualizado a las 18:46 h.

Un tráxico accidente no que morren dúas persoas sacode a vida de tres familias e obriga a Celia, filla dunha das falecidas e doutora de profesión, a facerse cargo do seu pai, da consulta da vila e de todos os pacientes do contorno, á vez que tratan de pechar as feridas polo ocorrido. Así comeza Saudade de ti a nova produción de Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia.

Romance, intrigas familiares e moitos segredos que sairán á luz tras o fatídico accidente ocorrido na vila mariñeira de Abrente nas festas do Carmen. Pronto as malas linguas comezan a espallar rumores, porque a doutora que ía nun dos vehículos viaxaba acompañada dun home que non era o seu marido, e a moza que conducía o outro non tiña carné, polo que, a partir dese momento, as súas familias terán que curar tamén as súas feridas e adaptarse, se poden, á nova realidade.

Trala perda da súa nai, Celia, a personaxe que interpreta a actriz María Tasende, volve á vila coa súa filla Noa (Martina Bravo) para acompañar a Isidro (César Cambeiro), e ocupar o sitio da súa nai na consulta. Alí pronto descubre que a súa morte tamén deixou dalgunha maneira orfos a todos os doentes de Abrente.

Na familia Eiroa, Teresa (María Costas) trata de levar cara adiante o bar familiar sen esquecer nin por un segundo a rabia que sente cara o que para ela é o responsable da morte da súa filla Uxía: Lucho (Alberto Rolán), o seu prometido. Por outra banda Elba (Cristina Andrade) sobreponse como pode á perda da súa irmá mentres ocupa o seu lugar como camareira no negocio, unha tarefa que lle queda demasiado grande. E Dimas (Alfonso Agra), o pai, vese na obriga de encubrir á súa filla falecida nun enorme desfalco que porá en xogo o seu posto de traballo.

Os López de Castro, a familia máis poderosa e adiñeirada de Abrente, tamén se viu afectada pola traxedia. Gaspar (Manuel San Martín), o patriarca, recupérase lentamente das secuelas do accidente. El era o home que viaxaba cunha das vítimas. E Adela (Mayka Braña), a súa muller, desconfía dos motivos que xustifican que estivese coa doutora aquela noite. Pero tampouco pode permitir que os murmurios dos veciños afundan a reputación que tantos anos lle custou labrar. O seu matrimonio está en xogo, pero iso é o de menos. Pronto comezan unha encarnizada loita entre eles polo control da empresa familiar. E o seu fillo Raúl (Fran Nogueira) non pensa quedar atrás. Coa axuda de Mónica (Carmen Méndez), a súa muller, tratarán de facerse co poder. E alleo a todo o que ocorre na súa familia, ou iso é o que parece, Brais (Dani Medín) mantense ocupado desenvolvendo os seus propios negocios. Intrigas, traizóns... na batalla todo vale. E todo queda en familia.

Polo que parece, na vila de Abrente, o pasado garda moitos segredos e ninguén pode escapar deles. Só é cuestión de tempo que comecen a saír á luz.

O mundo da ficción

Saudade de ti está ambientada na vila costeira e ficticia de Abrente. Para erguer todo o seu universo, o equipo de Voz Audiovisual levantou unha ducia de decorados que dan cabida desde o centro médico da vila, no que traballa Celia, ata a empresa da familia López Castro, pasando polo bar que rexenta a familia Eiroa.

Pero un aspecto fundamental para dar maior veracidade a calquera ficción son as localizacións exteriores. O equipo de Saudade de ti desprazouse varias xornadas ata puntos tan singulares como Caión, en A Laracha; Ares, que acolleu a gravación no porto e na praia do Raso; ou Miño, no que a planta baixa da súa casa consistorial converteuse nun hospital.

O elenco

A actriz María Tasende e os actores Adrián Castiñerias e Fran Nogueira conforman o triángulo amoroso da serie. Un reparto de excepción que conta con César Cambeiro, Mayka Braña, Manuel San Martín, María Costas, Alfonso Agra, Carmen Méndez, Fernando Morán, Cristina Andrade, Dani Medín, Carmen Méndez, Alberto Rolán, Paku Granxa ou Beatriz Serén, entre outros.

A serie conta co argumento escrito por Sergio Campo e Jacobo Paz e a dirección de Ozo Perozo, Giselle Llanio e Manu Espiñeira.