Rodrigo Vázquez: «O dos acentos na televisión debería ser un debate superado no século XXI»

beatriz pallas REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O presentador pasou das tardes da TVG a triunfar en «El cazador», o concurso de éxito de La 1 de TVE

26 may 2022 . Actualizado a las 16:43 h.

Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) fixo as maletas na TVG para subir a principios de maio ao tren en marcha de El cazador, o concurso de La 1 no que, cada tarde, participantes anónimos enfróntanse a cinco mentes brillantes. O presentador galego, que pasou por programas como Aquí Galicia, O país mais grande do mundo, Ti verás e Verbenaliafoi finalista a mellor comunicador nos últimos Premios Mestre Mateo polo seu traballo en Quen anda aí? Agora emprendeu unha nova etapa na TVE impulsado polo éxito das audiencias dun formato que vai batindo as súas propias marcas. Pronto gravará tamén La noche de los cazadores, a versión estendida do concurso para o horario de prime time.  

—Como afrontou o cambio da TVG á Televisión Española?

—Probablemente sexa o cambio máis importante a nivel profesional, aínda que todas as pequenas decisións que vas tomando ao longo da vida son tan importantes ou máis. Pero xa o feito de pasar da TVG á Televisión Española é un reto moi ilusionante e desde o primeiro momento que vin esta posibilidade estiven coas pilas ao 101 % para facelo o mellor posible e gozalo.

—Foille doado deixar a TVG?

—Entendérono ben porque a TVE comunicoullo directamente, aínda que non foi nas circunstancias desexadas polas présas que tiñan. Despois da marcha de Ion [Aramendi] a Telecinco necesitaban un recambio canto antes e por iso foi todo tan rápido. Pero entre a TVE e a TVG a comunicación e a relación foi moi boa e cónstame que as portas seguen abertas. Sigo tendo moi boa relación coa TVG e eles entenderon que a oportunidade que se abría era moi importante para min a nivel persoal e profesional e tamén, de forma indirecta, para a TVG como canteira de talento e novas caras. Acabamos gañando todos con esta decisión. Esperemos que poidamos seguir firmando éxitos e quen sabe se os camiños se volverán cruzar.

—Moitas veces Roberto Vilar fai bromas coa súa propia incursión na televisión nacional. Deulle algún consello a vostede?

—Unha das cousas que máis estraño é deixar Galicia, o meu entorno, a miña familia, os meus amigos, pero a nivel profesional o que máis estraño é botar as tardes con Roberto. Traballabamos, pero pasabámolo tan ben que ás veces esqueciamos que estabamos traballando. E si, esa broma fíxoa moito diante de min e seguimos con ela, pero esperemos que o fin non sexa o mesmo. Sei que el vai ser o primeiro en alegrarse e estase alegrando dos bos resultados que estamos recollendo e da boa acollida de El cazador. Esperamos seguir así e seguir facendo bromas destas e doutras cousas, porque con Roberto sempre é un pracer xuntarse dentro e fóra do plató. Sempre botamos un conto e divertímonos moito.

—Concursos en televisión hai moitos. Cal é a clave para sobresaír?

—A fórmula do éxito non a ten ninguén. Dixo unha vez o guionista William Goldman que ninguén sabía nada e esa é a gran verdade deste negocio. Á hora de facer unha película ou un programa, ninguén sabe se vai funcionar ou non. O equipo de El cazador tiña os deberes moi ben feitos cando cheguei. Levaban dous anos e medio testando e medrando semana a semana e mes a mes e iso é a mellor garantía dun bo traballo. Cando o formato é bo de por si, eu xa o coñecía de antes de que viñera a España e xa me gustaba, e ves que hai un gran equipo detrás é como cando na fórmula 1 un piloto chega a un equipo que xa está gañando carreiras. O máis complicado, que é axustar o coche, xa estaba funcionando. O equipo púxomo moi fácil tanto a nivel profesional como persoal para seguir rodando e que desde o primeiro día puidésemos dar o nivel dunha oitava temporada. O gran éxito é o formato e o equipo.

—Subiu vostede a un tren en marcha a toda velocidade.

—Si, tamén ten esa parte de risco. Ves que o tren vai rápido e ti o primeiro día vas en bicicleta e tes que pedalear moito para chegar a esa velocidade de cruceiro. Pero o equipo axudoume moitísimo e o primeiro día xa o desfrutei coma se levase máis tempo. Os primeiros traballos están tendo moi boa acollida e os que veñan agora serán aínda mellores.

—Para conducir un concurso é mellor ser un presentador duro ou ser riquiño?

—Hai momentos para todo e estilos para todo. Cada un dálle o seu toque. Eu sempre que me poño diante da cámara non intento ser nin máis riquiño nin máis duro, intento ser natural, empaparme do entorno e reaccionar como reaccionaría se non tivese unha cámara diante. Non vou coa idea de poñerme unha careta ou outra. A fórmula é ser nós mesmos, ser naturais. Se intentas parecer o que non es, o espectador cázate á mínima.

—Di o sabio Erundino que o acento galego do novo presentador dálle paz espiritual. Agora xa non hai que disimular acentos para traballar na televisión nacional.

—Por sorte non. Erundino é un dos homes máis listos que eu coñezo, así que se o dixo terá razón. Eu creo que os galegos adoitamos caer ben de entrada e o acento pode axudar. Eu teño viaxado por toda España e sempre que pedín un café con leite nunca tiven problema en ningún sitio, así que penso que no século XXI o dos acentos na televisión debería ser un debate xa superado. Creo que os diferentes acentos das diferentes zonas de España enriquecen e son unha mostra da variedade que temos neste país. É algo que non hai que forzar nin disimular mentres haxa boa dicción e entendemento por ambas partes. É unha marca de veracidade que lle dá ao espectador un dato de onde procede este rapaz. Un galego ten que soar a galego. Eu estou moi contento co acento.

—Puidemos velo nun vídeo no plató facendo exercicios vogais nos que repite «Shakira en Sanxenxo». Unha palabra, Sanxenxo, que agora se pronuncia moito na televisión nacional.

—E ben pronunciado. O do vídeo xa foi antes de recibir por aquí visitas de liñaxe. Eu antes de gravar vocalizo e fago un exercicio de quecemento. Sempre repito «Shakira en Sanxenxo» e un par de frases máis antes de empezar o programa. Un día a un guionista fíxolle graza e fixemos o vídeo para unha introdución. E xusto foi a emitirse na proximidade da visita do rei emérito, casualidades do destino.

—O xénero do concurso é intrínseco á televisión. Ser concursantes é para algúns unha profesión. Estamos nunha idade dourada?

—Co tema dos concurseiros, como lles chamamos nós aos que van a moitísimos programas, pasa como coas cartas ao director nos xornais. Se te paras a mirar, a xente que escribe cartas ao director escribe moitas. Cos concursantes pasa o mesmo, hai un subxénero que son practicamente profesionais e iso está elevado á máxima potencia coa figura do noso cazador. Son xente que estudan e se dedican a iso. Da sabedoría dun hobby, de querer saber e de ser curiosos fixeron dalgunha forma a súa profesión. Estar no plató con eles todos os días é unha fantasía, porque sempre aprendes cousas. É unha gozada. A min sempre me gustaron os concursos de cativo, e agora como espectador e como profesional. Creo que é un dos xéneros que mellor aproveita as potencialidades da televisión e dos espectadores, onde se rompe un pouco a barreira porque os que te ven desde a casa veñen ao plató e poden levar un premio. Para min é un pracer facer un concurso, é un motivo de alegría.

—Jordi Hurtado apadriñouno no primeiro programa. Quen é o mestre para vostede?

—Hai moitos a ter en conta. Aquí en Galicia é inevitable pensar en Gayoso, que leva sendo o mestre de cerimonias da televisión desde principios dos noventa. Tiven a sorte de dar as badaladas e presentar algunha gala de fin de ano con el. Tamén de traballar con Roberto [Vilar] estes dous anos e aprender cousas de como el ve a televisión. Traballando con xente boa inconscientemente acabas empapándote e vendo formas de traballar que podes aplicar, nunca copiar porque a mesma presentación cada un faina dunha maneira, pero si que che ensinan a entender un pouco máis deste negocio. E contar coa bendición de Jordi Hurtado foi para min todo un honor.