A longametraxe «Cuñados», favorita nos Mestre Mateo con 16 candidaturas

María Viñas Sanmartín
maría viñas REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Paco Lodeiro aspira ao premio a mellor comunicador por «Atrápame se podes»

19 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

 Os Mestre Mateo cumpren vinte anos, un aniversario redondo que ben merece unha boa festa. Será esta noite, no recinto feiral Expocoruña, onde a Academia Galega do Audiovisual celebrará unha edición completamente renovada. Máis de 250 persoas preparan unha gala que se emitirá en directo pola TVG a partir das 22.00 horas, pero que despregará a súa alfombra vermella ás oito da tarde, para empezar a recibir aos convidados. Todas as miradas estarán postas no filme Cuñados, o gran favorito destes premios con ata 16 candidaturas. Pola súa labor no exitoso programa Atrápame se podes, de Voz Audiovisual, Paco Lodeiro opta a una das distincións máis destacadas, a de mellor comunicador.

A película dirixida por Toño López e protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez competirá polo premio a mellor longametraxe con Jacinto, Malencolía e Tres. Ao galardón de mellor serie aspiran Hierro, Auga seca, A lei de Santos e Método Criminal, estas últimas dúas espazos producidos por Voz Audiovisual; e ao de mellor programa de televisión, Cinephilia, Clac, Cos pés na terra e Dígocho Eu.

Cuñados acapara seis candidaturas finalistas nas categorías de interpretación, cos tres protagonistas do filme competindo polo trofeo a mellor interpretación masculina protagonista xunto con Pedro Brandariz, por Jacinto. Malencolía chegará á noite con cinco candidaturas finalistas para os seus intérpretes, que recoñecen o traballo das actrices de reparto Iolanda Muíños e Ledicia Sola, o dos actores secundarios Diego Anido e Ricardo de Barreiro e o da protagonista Melania Cruz. Esta longametraxe aspira a outros seis galardóns, sendo a segunda máis votada polos académicos na selección previa. Séguenlle a serie Hierro, con oito candidaturas, e Eles transportan a morte e Tres con seis. Os directores dos traballos máis valorados, Alfonso Zarauza (Malencolía), Javi Camino (Jacinto), Jorge Coira (Hierro) e Toño Chouza (Cuñados), competirán polo premio á mellor dirección.

Pola súa banda, Paco Lodeiro pelexará polo trofeo con Esther Estévez (Dígocho Eu), Rodrigo Vázquez (Quen anda aí?) e Simone Saibene (Cinephilia). O videoclip Figa de Tanxugueiras, o documental O Gran Camiño e o espazo divulgativo #DigochoEu foron premiados xa no Encontro de Finalistas dos Mestre Mateo o pasado 4 de marzo.