—Que significa para vostede o personaxe de Santos? Pensou que tería todo este recorrido?
—Nunca pensei que ía ter o recorrido que tivo en Serramoura. Sempre digo que a min Santos deumo todo. Deume traballo, satisfaccións, o único premio de interpretación que teño na miña vida, cinco nomeamentos consecutivos ao Mestre Mateo... Non lle podo estar máis que agradecido. É un personaxe que se desfruta moitísimo. É un caramelo. Foi unha sorte interpretar a un personaxe deste tipo e, ademais, querido polo público. Cando fas un personaxe coma este, que é un delincuente, pensas que o van odiar. Pero o público colleulle cariño porque é un delincuente simpático, que ten uns diálogos marabillosos porque os guionistas tamén o son. Dá gusto escoitalo porque é gracioso e simpático, aínda que ten cousas que odiamos. Ás veces é un tipo machista e outras non tanto, ata feminista pode chegar a ser. Todo o mundo desexaría ter un spin off do seu personaxe dunha serie. Isto non ocorre case nunca e eu son un privilexiado nese sentido. Oxalá dure moi tempo máis.
—O universo de Viladesantos é tan importante para a acción como foi a vila de Serramoura.
—Claro, porque Santos por si só non é ninguén. Santos é alguén porque está rodeado de toda a xente da vila, antes Serramoura e agora a súa vila natal de Viladesantos. Ese universo é pequeno, pero ten de todo, como calquera vila galega. Iso enriquece moitísimo as historias, que serían moito máis cativas sen a xente que chega e que pasa por alí. E nesta temporada tamén haberá personaxes que volven e que son queridísimos polo público. Ríome porque non o podo contar, pero a sorpresa é marabillosa. A única mágoa é que nos emiten moi tarde. A ficción ten que ir antes na TVG. Temos moitos fans e espectadores que piden que se emita a unha hora máis decente, non ás once e pico da noite.