O humor e a diversión caracterizaron a primeira semana do ano no espazo conducido por Paco Lodeiro. Os cinco concursantes xeraron un moi bo ambiente e as risas estiveron aseguradas en cada momento. Ademais Pili Pampín puido estrear a súa última canción, Cantar en Nadal. Lito por dúas veces, Lucía Pérez e Isi tamén cantaron ao seren eliminados na Fase dos Retos. A actuación do cómico da Estrada o último día foi memorable emulando a Pimpinela e o seu Ao compás dunha muiñeira.
As escaleiras e Pili Pampín
A raíña da verbena galega tamén queda como a primeira concursante que se sentou nas escaleiras do Atrápame se podes. «A medida que vou subindo chanzos a miña vertixe vai medrando», comentaba Pili adaptando ao seu xeito o salto de chanzos para sentirse máis cómoda. Outro xesto que caracterizou á cantante de Rois foi que subiu sempre descalza, deixando os seus tacóns ao pé das escaleiras.