O «Atrápame se podes» despídese cun bote de 5.000 euros na Noite de Reis

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

O petisco de 1.000 euros ou o bote irán destinados á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia

05 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso de preguntas-respostas adozado con moito humor e música completa este mércores os seus especiais solidarios de Nadal na TVG. O bote acumulado do programa chega á Noite de Reis aos 5.000 euros despois de que ao longo da semana a cifra se fose incrementando. Ningún dos concursantes famosos foi quen de superar, ata o momento, a proba do Minuto final, pero o seu bo facer si permitiu doar diariamente 1.000 euros a distintas asociacións benéficas. 

Pili Pampín, Isi, Lucía Pérez, Lito Garrido e Noelia Rey tratarán de emular este mércores o éxito conseguido a semana pasada por Trisha Fernández. A copresentadora do Luar conseguira acertar as cinco preguntas do Minuto final e permitira que 5.000 euros foran repartidos polo programa á Federación Galega de Bancos de Alimentos. 

Esta semana xa foron doados cartos á Federación Galega de Alzheimer de Galicia; á Asociación Galega de Afectados da ELA; á Federación Galega en Favor de Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento e á Asociación de nenas, nenos e xente con diabete. Este mércores os cartos van destinados á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. 

Noelia Rey foi a concursante que tivo máis opcións de levar o bote xa que chegou a dúas finais. No último programa subiu ao máis alto das escaleiras ao acertar unha pregunta que lle tocaba de cerca: «A que santo está dedicada a catedral de Ourense?» (San Martiño). No Minuto final, a xornalista ourensá quedou pendente de saber dúas cuestións: o número de fillos que tivera Rosalía de Castro (sete) e o autor da música do himno de Galicia (Pascual Veiga). 

Logo desta época festiva, o Atrápame se podes volverá na súa emisión habitual ás 22.00 horas de sábado a mércores. Cinco concursantes cada semana con opcións de levar un bote que antes do Nadal quedou en 17.000 euros. Todos aqueles interesados en concursar poden enviar un correo a atrapamesepodes@crtvg.gal