O «Atrápame se podes» máis solidario estrea novas caras famosas na TVG

Iván G. Calaza REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

Cinco concursantes populares para entregar o bote a asociacións benéficas

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atrápame se podes, o programa referencia das noites da Televisión de Galicia, vai iniciar o novo ano con renovadas doses de humor e entretemento, un novo bote solidario e coa participación de cinco novas persoas famosas. O formato dálle continuidade aos especiais que comezaron na semana de Nadal e nos que Trisha Fernández gañou o último día, conseguindo así que o programa entregase 5.000 euros á Federación Galega de Bancos de Alimentos. 

Pili Pampín, Isi, Lucía Pérez, Lito Garrido e Noelia Rey serán os cinco concursantes que participen dende o día 1 de xaneiro ata a noite de Reis no espazo presentado por Paco Lodeiro. Pili Pampín case non precisa presentación; considerada a raíña da verbena galega, que ademais estrea canción para a época, Cantar en Nadal

A eurovisiva Lucía Pérez, o vocalista e director da orquestra Panorama, Lito Garrido; e a verbeneira por excelencia Pili Pampín poñeranlle un maior toque musical aos especiais do Atrápame. O humor e a rapidez da palabra veñen a cargo de Isi, a piques de facer vinte anos dende que fora proclamado o «rei da comedia». E recén chegada da Praza do Obradoiro aparecerá Noelia Rey, presentadora do Malicia Noticias e que dará a benvida ao ano na TVG xunto con Arturo Fernández e Teresa Portela. 

Logo de que Trisha Fernández fose a mellor na Fase das escaleiras o pasado mércores e conseguise superar a proba do Minuto final (novidade neste formato especial de Nadal), o bote solidario vai volver comezar en 1.500 euros. Se o famoso concursante gañador do día non é quen de conseguir o gran premio, o petisco para a asociación será de 1.000 euros e o bote medrará outros 500 euros. No caso de que os concursantes non estean acertados, o bote volvería chegar ao último día con 5.000 euros acumulados, xa que Paco Lodeiro sempre arrimará a cifra de 1.500 euros á hora de xogar polo bote. 

Nesta primeira semana do ano, o programa entregará o petisco ou o bote, en función do que consigan os concursantes, á Federación Galega de Alzhéimer de Galicia; á Asociación Galega de Afectados da ELA; á Federación Galega en Favor de Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento; á Asociación de nenas, nenos e xente con diabete e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. 

O Atrápame se podes edición Nadal presentouse a semana pasada con novidades con respecto á súa emisión habitual. Nestes programas especiais as escaleiras non determinan se un concursante leva o bote ou non, só confirman quen é o gañador do día. Convértese nunha fase previa á proba do Minuto final. O concursante debe responder nun minuto a cinco preguntas de temáticas concretas para chegar ao bote. Segundo o director do programa, Iago García, «esta novidade permitiu incrementar a emoción que xa de por si tiña o formato. Habitualmente nas finais os concursantes dispoñían do tempo que querían para responder. Agora, no Minuto final, o tempo pasa a ser un factor determinante», remarca.

«Vou á Fase das escaleiras máis relaxado», admite o presentador Paco Lodeiro, xa que recoñece que na emisión habitual «é o momento de máis tensión para min e para os concursantes. Aquí incluso cantamos», matiza. Para o condutor do espazo, a primeira semana do ano «comezará moi animada e terá moitos toques musicais. Temos bos concursantes para que sigan o ritmo», ri.

Con estes programas especiais o Atrápame se podes dálle a benvida a un novo ano, logo de que o 2021 supuxo a súa consolidación na grella da Televisión de Galicia. Conducido por Paco Lodeiro, conquista cada noite de emisión a máis de 130.000 espectadores, o que supón boa parte dos días de emisión que máis dun 14 % da audiencia escolle o concurso para entreterse. «A clave está en que imos máis aló do clásico programa de preguntas e respostas», salienta Iago García quen asegura que «ademais de aprender algo novo, o humor sempre está presente».

O Atrápame se podes edición Nadal estenderase ata a noite de Reis. A partir de aí, o concurso seguirá na súa emisión habitual ás 22.00 horas de sábado a mércores. Cinco concursantes cada semana con opcións de levar un bote que antes do Nadal quedou en 17.000 euros. Todos aqueles interesados en concursar poden enviar un correo a atrapamesepodes@crtvg.gal.