Martín Códax alenta de novo o mellor talento musical en Galicia

Serxio González Souto
Serxio González CAMBADOS / LA VOZ

SOCIEDAD

Martina Miser

51 bandas e artistas son os finalistas da oitava edición dos Premios da Música, que o 27 de outubro se entregarán no Pazo da Cultura de Pontevedra

07 oct 2021 . Actualizado a las 22:36 h.

O camiño cara a consolidación dunha industria musical propia e ben fundamentada é longo e duro. Pero aínda o sería moito máis sen a existencia duns galardóns que dende hai anos alentan e dan visibilidade o talento que se esforza por construír esa Galicia do presente e do futuro dende a clave do son e os escenarios. Os finalistas da oitava edición dos premios Martín Códax da Música xa están enriba da mesa. Este serán, as emblemáticas bodegas de Cambados reuniron as 51 bandas e artistas que aspiran a facerse cunhas distincións xurdidas da colaboración entre a adega e a asociación Músicas ao Vivo e debuxan unha completa radiografía do mellor que se está a facer no país.

Este mapa sonoro contén 17 categorías, dende o metal ás bandas populares, pasando polo folk e as músicas urbanas. Foron máis de catrocentos os aspirantes que presentaron as súas candidaturas. De entre eles, 51, tres por rango, pasan a esta fase final que culminará o día 27, no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa entrega dos premios. De momento, un xurado composto pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín fixo a primeira escolla. O seguinte paso está nas mans dos socios de Músicas ao Vivo, que decidirán os gañadores cos seus votos.

«Dende os nosos inicios apoiamos a cultura galega como parte da nosa identidade, e en especial a música», subliñou o presidente de Martín Códax, Xoán Allegue, orgulloso deste froito da colaboración entre os propios músicos, a iniciativa privada e institucións públicas coma o Agadic e a Deputación e o Concello de Pontevedra. «Isto demostra a fortaleza  e teimosía do noso gremio, maila os paus nas rodas que se nos están a poñer», engadiu Xiana Lastra, de Músicas ao Vivo, ao dar a benvida os finalistas.