Televisión de Galicia estrea este domingo, ás 22 horas, «Atrápame se podes»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O concurso ocupará o primeiro tramo do «prime time» de domingo a xoves durante o verán

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atrápame se podes comeza este domingo, ás dez da noite, as súas emisións no prime time da Televisión de Galicia. O concurso presentado por Paco Lodeiro chega á canle autonómica galega despois de varias temporadas de éxito en ETB2, Aragón TV, TV3 ou, máis recentemente, CanalSur. Nas súas diferentes adaptacións acada cotas de audiencia moi elevadas, o que o converte nun dos formatos líderes nas diferentes televisións autonómicas.

Presentado polo polifacético Paco Lodeiro, Atrápame se podes emitirase de domingo a xoves a partir das 22 horas e combina cultura con moito humor. Conta cunha mecánica sinxela, que o converte nun programa dinámico e divertido, e convida ao espectador a xogar desde casa. Os concursantes poden facerse cunha boa cantidade de diñeiro en función dos seus coñecementos e, tamén, da súa estratexia de xogo, no que o humor ocupa un papel protagonista.

En cada programa, cinco concursantes deben superar diferentes probas de preguntas e respostas para optar ao bote do concurso. As preguntas son de cultura xeral, aínda que moitas delas estarán adaptadas á idiosincrasia galega.

Atrápame se podes consta de catro fases distintas. Na primeira fase do concurso, Batería de preguntas, xogan os cinco concursantes para ir entrando en materia. Na segunda rolda eliminatoria, Duelo de temas, cada concursante deberá elixir asunto e adversario para que nun minuto e medio responda a catro preguntas relacionadas entre si. Ao rematar a proba, o que menos puntuación teña deixará a competición.

Na terceira fase, Branco ou negro, os semifinalistas farán equipos de dúas persoas e colocaranse fronte a un atril con dous botóns: un branco e outro negro. Alternativamente, cada parella deberá responder a unha pregunta de dúas opcións en 15 segundos. Unha contrarreloxo trepidante.

Pero o mellor aínda está por ver. Os que foron parella na fase anterior convértense en rivais na Gran final. Os concursantes posicionaranse en cadanseu lado da escaleira do Atrápame se podes, a protagonista absoluta nesta fase. Terán que responder alternativamente as preguntas sen supostos, sen opcións, e sen rebotes de ningún tipo. Se acertan, subirán un chanzo. Se fallan, manteranse na súa posición; pero, despois do primeiro fallo, o concursante perderá a posibilidade de gañar o bote do programa.  Así pois, o primeiro concursante que chegue ao quinto chanzo será o gañador do programa do día, levándose o bote se subiu sen fallar ningunha pregunta, e en caso de cometer algún fallo, 200 euros como premio de consolación.

Paco Lodeiro, presentador

O presentador dun concurso é un elemento indispensable que aporta o toque diferencial nun formato destas características. Afeito aos concursos, pois xa presentou outros programas senlleiros da Televisión de Galicia como Cifras e letras ou Verbas van, Paco Lodeiro enfróntase a Atrápame se podes para completalo co seu carisma.  

Conta con máis de dúas décadas de experiencia no sector do audiovisual e do espectáculo, no que tamén participou como actor en producións tan destacadas da TVG como a serie Libro de familia.

Moi pronto Lodeiro tamén o estará ao mando dunha nova temporada do concurso de talentos A liga dos cantantes extraordinarios, que achegará o mundo da verbena a todos os espectadores galegos.