«Método criminal» chega este domingo ao seu episodio final

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Miguel Canalejo e Miguel Borines, nunha secuencia de  Método Criminal
Miguel Canalejo e Miguel Borines, nunha secuencia de Método Criminal

TVG emite, a partir das 00.10 horas, o desenlace da serie protagonizada por Luís Iglesia e Miguel Canalejo

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite esta noite o último episodio da ficción Método criminal. Será a partir das 00.10 horas. A serie protagonizada por Luís Iglesia e Miguel Canalejo chega á súa fin despois de que os seus personaxes tivesen que enfrontarse a multitude de acontecementos.

No episodio deste domingo, Damián, Cecilia, Adrián e Susana deciden traballar xuntos e preparar un plan para enganar a Telmo: a súa intención é finxir a morte de Luís. Con isto, Telmo podería esquecer o seu intento de acabar coa vida do afamado actor e, aínda que á suposta vítima non lle fará ningunha graza o plan, non lle queda máis remedio que aceptar a proposta dos seus amigos e prepararse para interpretar o papel da súa vida.

Non obstante, non vai ser o único problema ao que terán que facer fronte no clan dos Canosa. Aproveitando a situación de debilidade do grupo, e como represalia pola trampa que lle preparou Telmo coa axuda de Natalia, Paulo está decidido a poñer en marcha o ataque definitivo contra Telmo, Damián e Tuco. Se acaba con eles, estaría en condicións de controlar todo o negocio.

Moi lonxe do tanatorio e da produtora, na casa rural, Sofía e Fernando conseguiron escapar dos homes de Telmo grazas á chegada de Natalia. Porén, Sofía non sabe que a responsable de estar nesa situación tamén é Natalia, a mesma persoa que a rescatou. Pero se foi capaz de enganar a Damián, a Sofía e a Paulo, ninguén sabe ata onde está disposta a chegar e cal é a súa verdadeira intención.

Os seguidores de Método criminal teñen acceso por adiantado aos episodios da ficción a través do portal EnSerie.gal. Desta forma non teñen que agardar ata a emisión dos domingos na TVG.