Telmo Canosa prepara o regreso a «Método criminal» como líder do clan

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Fernando Tato e Maria Roja, durante a gravacion na Casa Piñeiro en Monfero
Fernando Tato e Maria Roja, durante a gravacion na Casa Piñeiro en Monfero

Televisión de Galicia emite este domingo, a partir das 23.30 horas, un novo episodio da comedia negra

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite este domingo, a partir das 23.30 horas, un novo episodio da ficción Método criminal. Tan so quedan tres episodios para que remate a ficción protagonizada por Luís Iglesia e Miguel Canalejo e as tramas, lonxe de resolverse, están complicándose cada vez máis.

Despois de que Telmo Canosa recuperase a memoria grazas a unha conversa con Paulo Santiso, o xefe da banda rival está preparando a súa reaparición como líder do clan. Sen embargo Damián e Tuco, que seguen alleos aos plans do seu pai, queren reformar o clan dos Canosa abrindo unha nova etapa na que se deixe a violencia a un lado.

Ao mesmo tempo, e despois da insistencia de Damián, Sofía comeza a súa terapia con Natalia. Aínda que ao comezo non fai ningún esforzo por disimular o seu odio contra a psicóloga, esta non tarda en gañarse a súa confianza co obxectivo de separala de Damián. Non hai que perder de vista que Natalia sente unha atracción irremediable polo pequeno dos Canosa.

Pero non son as únicas novidades. No episodio deste domingo tamén hai varias incorporacións de intérpretes moi coñecidos para os espectadores de Televisión de Galicia. Ana Santos, Sergio Zearreta e Fernando Tato chegan a Método criminal co obxectivo de complicar a existencia dos personaxes da serie.

Ana Santos participa cun cameo interpretando a Elsa, unha das personaxes máis recordadas de Padre Casares; Sergio Zearreta porase na pel dun afamado director de fotografía; e Fernando Tato fará de si mesmo -coa mesma distancia que no caso de Luís Iglesia- para interpretar a un actor cun problema de implicación nas relacións sentimentais.

Esta circunstancia vaina aproveitar Natalia para tenderlle unha trampa a Sofía nunha idílica casa rural -que corresponde á Casa Piñeiro en Monfero no mundo real- onde tamén vai estar Fernando Tato.

No portal EnSerie.gal

Desde o pasado 21 de maio, os seguidores de Método criminal teñen acceso por adiantado aos episodios da ficción a través do portal EnSerie.gal. Desta forma non teñen que agardar ata a emisión dos domingos na TVG para poder ver os capítulos da serie.