Alfonso Blanco: «O éxito de "Cuñados" foi inesperado pero benvido»

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

A pandemia alterou as rodaxes previstas da produtora

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Blanco, director xeral da produtora galega Portocabo, tenta trasladar como é o día a día do seu traballo aos alumnos do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), titulación da Universidade da Coruña que a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coorganiza coa Fundación Amancio Ortega.

-En qué consiste o traballo dun produtor executivo?

-Todo se resume en dar unha visión moito máis próxima ao meu traballo de produtor executivo. É un traballo moi concreto que hai que facer nas producións e que así está moi mesturado. Ás veces mesturase con quen é o dono da produtora ou o xerente, ou hai xente dunha canle que firma como produtor executivo. Eu intento explicarlles que non é así, que o produtor executivo é unha profesión moi concreta. Comezas cun folio en branco, vaise sumando equipo. Terminas de rodar, tes que vender, estrear… E todo ese arco, desde o folio en branco ata a última das vendas do proxecto, é o traballo do produtor executivo.

-Un dos éxitos máis recentes foi «Cuñados». Que valoración fai da acollida da película?

-Cuñados era un proxecto pequeno, o noso primeiro proxecto no cine, nós somos de tele, e entramos con modestia, axustándonos aos tempos e ás circunstancias. E é unha sorpresa maiúscula, unha peli rodada en galego con esta difusión, mesmo houbo momentos de si poderíamos estrear en cines… De repente dubidar de se estreamos en cines ou imos directos a plataformas a esta explosión... Ás veces esta profesión dáche regalos como o de Cuñados, inesperado. Sabíamos que fixeramos unha comedia que ía a funcionar moi ben en Galicia, porque conectaba moi ben con esa tradición de series e obras de teatro de éxito. Todo iso non se trasladara ao cine, non había esa gran comedia galega no cine. Buscamos ese obxectivo, pero que transcendese a Galicia e que tivera ese impacto en toda España era impensable pero benvido.

-Como foi a gravación da película no medio da pandemia?

-Tiñamos previsto rodar primeiro a segunda temporada de Hierro, despois Cuñados e logo a segunda temporada de Augaseca. Tiñamos os tres proxectos listos para comezar a rodar. E retrasouse Hierro un montón, tivemos que parar, volver,… E terminamos facendo Cuñados en setembro do ano pasado. E puidémolo facer no medio da pandemia a finais de agosto en Ourense non había ninguén. Tivemos sorte.

-Que opina das estreas simultáneas no cine e nas plataformas?

-Eu vívoo dunha maneira menos traumática que a xente que vén de estar no cine de forma recorrente. Para min son pantallas e cada produto terá unha explotación diferente. E haberá un produto e ao mellor é adecuado que vaia ao cine, como o caso de Cuñados. Éramos flexibles, temos menos pudor a iso. Eu prefiro estrear en pantalla grande, son cinéfilo, pero como vimos do mundo da tele pois tampouco temos reparo a que de repente un produto vaia a plataformas e outro non. Con esa flexibilidades tamén nos metemos nesa nova liña de producir cine, sabendo que ás veces haberá oco nos cinemas e outras veces non. Son maneiras diferentes cun único obxectivo, facer produtos que cheguen ao espectador, que o poida ver onde teña máis posibilidades de ter éxito.

-Ve a convivencia posible?

-Teñen que seguir existindo os cines, e saber convivir, porque a realidade é que agora hai xente que prefire ver os contidos na casa. Temos que facer produtos que, se queremos que a xente vaia ao cine, lle dean ese plus, ese interese para que vaian ao cine e non esperen ás plataformas.