Carlos Villarino: «Xavier pasa por tantos estados de ánimo que é un agasallo»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite este domingo un novo episodio da comedia negra «Método criminal»

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partir das 23.45 horas, TVG emite un novo episodio de Método criminal no que o actor Carlos Villarino interpreta a Xavier.

-A súa personaxe volve a «Método criminal» despois do secuestro ao que o someteu Cecilia...

-A tortura á que Cecilia someteu a Xavier obrigando a ver os episodios de Padre Casares foi moi divertida e agora creo que ten síndrome de Estocolmo [ri]. A Xavier encántalle as vivencias extremas e grazas a isto ao mellor conecta máis con Cecilia.

-Que pode contar da súa personaxe?

-Xavier é un director un pouco tirano. É unha persoa que pensa que pertence a un mundo diferente ao do resto dos mortais. Para el a vida é como se vivise nunha novela ou nunha obra de arte moi profunda e con significados ocultos e creo que tamén é unha persoa moi ambiciosa. A profesión de director permítelle vivir a vida como o que pensa que é, un gran artista e un gran director. El só entende a vida creando de forma continua e lonxe da vulgaridade da rutina e do prosaico.

-Como foi traballar con el?

-Foi moi divertido porque Xavier é puro histrionismo. Pasa por tantos estados de ánimo en Método criminal que é un agasallo [ri]. Esta personaxe deume a oportunidade de estar xogando.

-A que se enfrontará Xavier nos vindeiros episodios?

-Nos vindeiros episodios Xavier vai seguir na súa onda. Como el despreza o vulgar, e para el todo o que o rodea parécelle vulgar, trata mal ás persoas, incluso con extorsións e chantaxes, e vai ter a oportunidade de volver a produtora con moito poder.

-Como foi o proceso de creación da personaxe?

-A creación de Xavier foi un proceso moi divertido porque a diversión na preparación dun personaxe como este paréceme fundamental. Inspireime en moitos directores que coñecín na miña vida, uns máis tiranos e outros máis simpáticos [ri]. Tamén tiven como referentes a artistas moi destacados, como Dalí. Todo isto axudoume a dar coa forma de moverse de Xavier e de vivir sempre nunha certa fantasía. En xeral o que intentei foi dar con esas pequenas cousas que definen a unha persoa e levalo ao máximo. Teño que engadir que Xavier non é unha vinganza aos directores cos que traballei.

-O código co que xoga «Método Criminal» é moi particular. Sentiuse cómodo neste ton?

-Eu atopeime moi cómodo na comedia negra, porque Xavier tamén ten en si mesmo moito sarcasmo. Para min non deixa de ser un código de humor e de comedia e, dentro do panorama da serie, a miña personaxe aporta o seu contrapunto. Tamén tiven permiso de dirección para xogar coa esaxeración e a comedia.

-Como leva Xavier a convivencia da produtora co mundo criminal?

-A relación que tivo Xavier co mundo criminal, sobre todo co Rosario e Alfredo, foi bastante ben porque el tomouno como unha oportunidade para desenvolver o seu proxecto máis íntimo e poder soltar a súa creatividade. O que pasa é que lle dan moito poder e convértese nun tirano.

-Como foi a súa experiencia na gravación da serie?

-A gravación de Método criminal foi moi divertida. Valoro moito poder rir cos compañeiros despois desas secuencias tan tolas que tiñamos. É algo marabilloso poder traballar desde o humor e desde unha posición de pasalo ben. Tamén sentín que había moita liberdade para xogar con Xavier esaxerando as cousas.

-Aínda que vendo a serie pode pasar desapercibido, a gravación tivo lugar en plena pandemia. Esta situación afectou ás dinámicas de traballo actoral?

-Eu creo que o que máis afectou foi aos tempos de gravación. Os primeiros días de rodaxe foron para adaptarnos aos novos protocolos pero despois xa incorporamos a rutina e formaba parte do día a día.

-En que outros proxectos traballa?

-Agora teño a sorte de estar preparando a miña participación na nova produción de Bambú, Un asunto oficial. E neste momento aínda se pode ver Antidisturbios, que foi unha experiencia fantástica e tivo unha acollida moi grande; e tamén O sabor das margaridas, co que aínda non somos conscientes de que estea dando a volta ao mundo con Netflix. Nela interpreto unha personaxe aínda máis trastornada que Xavier [ri].