Que ninguén se quede atrás, non perdamos máis tempo na prevención en saúde mental

SOCIEDAD

FRANCOIS GUILLOT

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito se está a falar de saúde mental nas últimas semanas, salientando os efectos psicolóxicos que provoca unha pandemia que ninguén pensaba que se ía manter durante tanto tempo e da que aínda estamos lonxe de ver o fin desta emerxencia sanitaria, pero tamén social e económica, ata esa volta á normalidade, vella ou nova.

Moito se está a falar da necesidade de romper os tabús e prexuízos en torno aos problemas de saúde mental ou de realidades como o suicidio, xa que o que hai detrás son persoas que están a padecer condicións de vida que provocan malestar e sufrimento, e por se non fora pouco, tamén teñen que sufrir actitudes despectivas e discriminacións, cando non vulneración dos dereitos fundamentais polo mero feito de ter un diagnóstico psiquiátrico.

Afortunadamente, son cada vez máis as voces que expresan o seu dereito a percibir, sentir, expresarse e actuar de forma diversa. A falar en primeira persoa do seu sufrimento sen ter que pedir desculpas, avergoñarse ou agocharse. Que recordan que polo feito de padecer un problema de saúde mental non son inferiores, fráxiles ou incapaces. Que insisten que os sentimentos, as dúbidas, a vivencia momentánea de fraxilidade, non son experiencias alleas ao conxunto da sociedade.

Por ese motivo, e na mesma medida do enorme esforzo de visibilización das persoas afectadas en primeira persoa, debemos estar á altura como sociedade, para non volver a pechar en falso unha crise de tal magnitude como a actual. Existe coñecemento suficiente, datos que se van acumulando e experiencias pasadas sobre como as crises económicas, sociais ou sanitarias implican unha forte tensión social, e agravamento das condicións psíquicas da poboación, maior en aqueles sectores mais directamente afectados ou sobre quen xa sufría condicións máis desfavorables. Sabemos que funciona e que non. Debemos ser proactivos en mitigar as consecuencias mais nefastas. E debemos facelo sen perder tempo.

Debemos blindar os servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais) con fortes inversións que permitan políticas eficaces de prevención e atención aos problemas de saúde e aos determinantes psicosociais que están na base, e que en moitas ocasións o suicidio é a máxima expresión dun sufrimento psíquico intolerable. 

Rosa Cerqueiro Landín es psicóloga clínica y portavoz del Movemento Galego da Saúde Mental.