Paloma Otero: «A Rosario intentei preparala desde a verdade para non caer en estereotipos»

TVG emite este domingo, ás 22.30 horas, un novo capítulo da comedia «Método criminal»

Paloma Otero, actriz de  Método criminal
Paloma Otero, actriz de "Método criminal"

redacción / la voz

Este domingo, a partir das 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio da comedia Método Criminal, que se sitúa entre a realidade e a ficción. Nela a actriz Paloma Otero interpreta a Rosario, a socia colombiana do clan dos Canosa.

 -A súa incorporación como Rosario foi un dos pratos fortes do pasado domingo. Como valora a acollida do personaxe?

-Estou moi contenta coas mensaxes que recibín de recoñecemento polo traballo que fixen con Rosario. A verdade é que as agradezo moito. Cando tiven a primeira reunión con dirección e guión dixéronme que me daban moita liberdade e eu comprometinme a darlle forma ó personaxe.

-Polo que vimos de Rosario ten unha forma moi particular de facer negocios. Como a definiría?

-A verdade é que si [ri]. Cando interpretas a calquera personaxe, o primeiro que fas é empatizar con el e non o xulgas. Desde o meu punto de vista, Rosario é unha muller moi intelixente, instintiva e apaixonada, á que lle creei un pasado para poder encaixar as súas motivacións. Segundo o meu punto de vista Rosario non o tivo doado na súa vida e, ao final, non lle quedou outra que pelexar. Ela decidiu que non a vai pisar ninguén nunca. Entendo que desde fora Rosario vese como unha criminal moi dura, pero eu quéroa moito [ri].

-Os personaxes de «Método criminal» móvense nuns códigos moi particulares e pódese dicir que Rosario está nun dos extremos dese abano. Como a preparou desde o punto de vista interpretativo?

-Eu a Rosario intentei preparala desde a verdade, porque cando fas un personaxe de extremos creo que o importante é non caer nos estereotipos. Este personaxe ten moito traballo detrás para darlle unha historia profunda, que ao mellor non é de todo palpable, pero é certo que está detrás. Como tiven a sorte de que a premisa que me deron desde guión e dirección era que me divertise e o pasara ben, o proceso para chegar a ela foi moi bonito. Preparei a Rosario co meu coach, que está en Bogotá. A intención era, sobre todo, conseguir o acento e xogar coas expresións reais que utilizan en Colombia. Durante todo o proceso non facía máis que escoitar música latina e bailar salsa para lembrar as sensacións que tiña cando vivín en Colombia. Non foi unha construción externa senón que foi un traballo profundo e estou moi contenta con Rosario [ri].

-Que supuxo para vostede participar en «Método criminal»?

-Tendo en conta as circunstancias que trouxo a situación do covid-19 e as dificultades que estamos pasando moitos, tamén os que nos adicamos ao mundo das artes, pois foi un motivo de alegría moi grande. A miña participación na serie foi unha oportunidade para desenvolverme como actriz e a rodaxe foi moi divertida. Foi un pracer interpretar a Rosario e tiven a sorte de estar con grandes compañeiros como Miguel Canalejo, María Roja, Adrián Castiñeiras ou Susana Sampedro, que foi como traballar en familia.

-Que lle agarda a Rosario nos vindeiros episodios da serie?

-O mellor vai ser velo nos capítulos, pero podo adiantar que a Rosario en Método criminal agárdanlle moitas aventuras que ela mesma nunca imaxinaría. Ademais converterase nun referente para Damián e para Sofía, sobre todo, de como levar un negocio destas características. Sobre todo para Sofía [ri]

-Os espectadores de TVG coñecérona na serie «O Faro», e máis recentemente participou en «Fariña», «Vivir sin permiso» ou en «El inocente», de Netflix, pero o seu primeiro papel foi nunha produción en Venezuela. Como viviu a experiencia?

-Eu sempre quixen vivir novas experiencias e viaxar. Cando estudei en Cataluña comunicación audiovisual e arte dramático tiven a oportunidade de participar en moitas curtametraxes para a ESCAC, e cando xurdiu a oportunidade de marchar a Venezuela para protagonizar unha serie non o dubidei. Naquel momento era un pouco temeraria e vivino como unha oportunidade para desenvolverme como actriz e para coñecer un país tan fantástico como Venezuela a pesar do perigoso que era. Estiven alí máis dun ano e cambiáronme as prioridades. Foi unha experiencia moi profunda e agora o que penso é que o que está primeiro é a vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paloma Otero: «A Rosario intentei preparala desde a verdade para non caer en estereotipos»