Alberto Rolán: «Os tres sicarios de ''Método criminal'' son uns profesionais do crime»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Alberto Rolán, Sabela Arán e David Seijo.
Alberto Rolán, Sabela Arán e David Seijo. VÍTOR MEJUTO

TVG emite este domingo, a partir das 22.35 horas, un novo capítulo da comedia de humor negro de Voz Audiovisual

28 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partir das 22.35 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método criminal, a comedia de humor negro na que Sabela Arán, Alberto Rolán e David Seijo interpretan a Cecilia, Lito e Tuco, os tres sicarios que traballan no clan dos Canosa.

Pregunta. Como son os sicarios de Método criminal?

Alberto Rolán. Os tres sicarios da serie son uns profesionais do crime (ri). Non cuestionan as ordes, aínda que as veces as ordes que reciben para facer o seu traballo poden ser contraditorias e pode ir en xogo parte da moralidade das personaxes. Pero o principal para ser un bo sicario hai que acatar as ordes e ser moi efectivos aínda que despois teñen a súa moralidade. Salvando as distancias, son coma os personaxes que encarnaban John Travolta e Samuel L. Jackson en Pulp Fiction.

Sabela Arán. Segundo quen sexa o xefe que lidere o clan van máis ou menos polo libro. Damián ao non saber manexar a situación obriga a que eles teñan que improvisar e iso é un punto que é moi interesante para eles e que outórgalles outro tipo de responsabilidade.

David Seijo. Eu creo que os tres son personaxes moi vivos e que grazas tamén a inseguridade de Damián teñen que tomar decisións. No meu caso traballo coa frustración e a falta de cariño e o poño a disposición da personaxe para xogalo.

P. A pesar de compartir profesión, os tres teñen formas moi distintas de enfrontarse ao traballo...

A.R. Lito é ante todo un soldado. A priori é un home que creo que é o que menos se cuestiona ata que lle empezan a toca no corazón. Entón cando aos compañeiros empezan a pasarlles cousas, comeza a cuestionar a parte profesional que ten. Tamén é moi contraditorio e ten que poñer en xogo a súa profesionalidade fronte a súa moralidade. Aínda que está afeito a facer o mal creo que no fondo é unha boa persoa.

S.A. Eu creo que Cecilia ten moitas diferenzas respecto ao resto dos membros do clan dos Canosa e o feito de ser muller fai que ás veces non conten con ela para determinadas accións. Penso que Damián atopou nela un punto de apoio na que sustentarse e que non está atopando no resto dos rapaces. Entón creo que iso faina un pouco máis humana, sempre mantendo a súa posición no clan. Por outra parte, Cecilia ten moito carisma e moita personalidade e iso fará que se quere conseguir algo non vai haber ninguén que llo impida.

D.S. Tuco leva desde neno con pouco afecto e moito enfado. Quere demostrar durante todo o tempo que é un tipo válido para liderar o clan e toda a frustración que ten ao ver a Damián que pasa por diante del, provócalle moito odio. Ademais creo que é violento porque non sabe relacionarse emocionalmente.

P. Como construístes as personaxes?

A.R. Eu empecei o traballo buscando similitudes con personaxes arquetípicas do mundo do crime cinematográfico. El é un profesional do mundo do crime, pero o seu pensamento está dicindo outras cousas.

S.A. Cando falei con Jorge Saavedra ? director da serie- marcamos algunhas referencias. Cecilia no aspecto físico ten unha postura moi particular. E, en canto ao carácter, é moi extremo pero comparto con ela certos aspectos. Eu creo que por este motivo resultoume tan gratificante e cómoda interpretala. Creo que todo o elenco fixemos un traballo moi bo.

D.S. De primeiras non coñeces o código da serei e comezas a ter a personaxe cando xa levas dez episodios gravados (ri). Eu traballei desde o lugar no que poder entender a Tuco, do que lle pasa de portas para dentro.

P. Como vai afectar ao clan dos Canosa a traizón de Tuco?

A.R. Lito é fiel ao clan independentemente da identidade do seu líder. É coma un seareiro do Celta ou do Dépor. Igual non lle gusta o adestrador, pero sempre vai ser do equipo pase o que pase. Esta situación obrígao a debaterase entre a lealdade ao clan e a amizade que mantén con Tuco.

S.A. Está claro que todos somos compañeiros dentro do clan, pero cando un de nós ponse na nosa contra, a mesma paixón que utilizamos para defendelo a temos para atacalo. Ao clan dos Canosa non o pode fallar ninguén (ri).

D.S. Os clans funcionan dun xeito en que son fieis ao líder e no momento no que un traizoa ao clan prodúcese unha revolución con moito enfado e odio. Neste caso o que cometeu a falta é Tuco e haberá unhas consecuencias.

P. Que vai pasar a partir de agora na serie?

A.R. No episodio deste domingo o mundo da produtora e do tanatorio iranse entrelazando ata límites insospeitados (ri).

S.A. Co que levamos visto ata o de agora sabemos que o clan dos Canosa é moi perigoso, pero haberá outros clans que farán a súa aparición e porán as cousas máis complicadas a Damián (ri).

D.S. Eu quero engadir que haberá moitos cambios emocionais nas personaxes que sorprenderán aos espectadores.