A Terra Chá e a Terra de Melide serán esta noite as raíñas da gastronomía en «Come a comarca»

Iago García
Iago García REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Fede Pérez -segundo pola dereita- facendo unha broma na cociña da Terra de Melide. O bo humor liberará de tensión aos concursantes durante a final do norte, que tamén conta coa cantante Lucía Pérez -primeira pola esquerda-
Fede Pérez -segundo pola dereita- facendo unha broma na cociña da Terra de Melide. O bo humor liberará de tensión aos concursantes durante a final do norte, que tamén conta coa cantante Lucía Pérez -primeira pola esquerda-

A final do norte supón o final da temporada na TVG, con Lucía Pérez e Fede Pérez como padriños de excepción. O xurado está cheo de caras coñecidas, como as de Xoanqui Ameixeiras, do «Estache Bo» e Iván Mariñas, finalista de «MasterChef 8»

24 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A final do norte entre os coruñeses da Terra de Melide e os lucenses da Terra Chá, pon o punto e final a Come a comarca. As Batallas, a competición gastronómica que mediu a 16 equipos comarcais, representados por cinco cociñeiros cada un, na Televisión de Galicia. Haberá un menú propio dunha estrela Michelin, produtos tradicionais da nosa terra, retos culinarios… Todo nunha contrareloxo na que un xurado decidirá nunha cata a cegas cal é a comarca que mellor cociña nas provincias de A Coruña e Lugo.

Pedro Coego, do Recuncho do convento e á fronte dos melidenses; e José Luis Álvarez, Bouso, de O Castro, en A Pastoriza; deixan os seus restaurantes e poñen o brazalete de capitán de equipo, para conseguir xunto cos seus compañeiros o premio final. O orgullo comarcal está en xogo, pero tamén 20.000 euros. 15.000 para os gañadores e 5.000 para o equipo finalista.

Os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, mandan a Fran Cañotas, presentador do espazo, facer a compra mentras eles maquinan o menú. Cachucha fresca de porco celta e un doce cunha elaboración especialmente cremosa son o adianto que podemos darlle aos espectadores das delicias que van ser preparadas. Ah! E ollo, porque os equipos tamén poderán explotar as súas propias ideas cun choco fresco pescado en Sada (A Coruña). Poderán empregar os ingredientes ao seu gusto. Como elaborarán o primeiro prato para gañar esta decisiva batalla?

Antes de saír de dúbidas, haberá tempo para que Cañotas exerza de criador de porco celta en Cenlle (Ourense) ou mesmo coñecer da man de Distribuciones Manuel Domínguez en O Milladoiro (A Coruña), algún dos chocolates máis exclusivos do mundo. Ir á compra nunca foi tan delicioso. E como a ocasión meréceo, a cantante do Incio Lucía Pérez, será a madriña dos chairegos; e o actor e humorista mazaricán Fede Pérez, apadriñará aos de Melide.

Bouso, capitán chairego, estará acompañado por Diego López de Anda e Bulló Xantar en Lugo e o axudante de cociña Daniel Díaz. Antonio Vázquez, do Hotel San Briz da Pontenova, en Lugo e o reposteiro Ovidio Pardiño, da Pastelería Ben en Vilalba, completan a formación.

En Melide, súmanse a Coego, o reposteiro Román Varela, da Pastelería Trisquel; José Mouriño, Novita, de A Cantina de Eleu e os cociñeiros melidenses Pablo Laya e Daniel Fernández.

As elaboracións preparadas polos equipos comarcais serán desta volta avaliadas por un xurado de excepción, no que figuran cociñeiros coma Yayo Daporta, Dani Guzmán ou a reposteira Alba Naya. Unha festa gastronómica que terá ademais caras tan coñecidas para o público coma as de Xoanqui Ameixeiras, presentador na TVG de Estache Bo; ou Iván Mariñas, finalista de MasterChef 8.

Coñecer ao gañador do norte do meirande concurso gastronómico da televisión, nunca estivo tan preto. Valo perder?